Unha exposición de fotografías do 20º aniversario da Real Filharmonía de Galicia pode visitarse nos centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fontiñas

_dsc0092-aEstas mostras son un complemento aos concertos gratuítos que a orquestra vai ofrecer esta semana nos tres centros

 

Son unha selección de instantáneas de Luis Soto, amante da fotografía e frautista da agrupación

A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar esta semana concertos gratuítos nos centros socioculturais de Vite (hoxe, mércores 5), Santa Marta (mañá, xoves 6) e Fontiñas (venres día 7). No marco desta iniciativa, os tres centros acollen ademais unha exposición conmemorativa do 20º aniversario da orquestra. Son unha selección de instantáneas de Luis Soto, amante da fotografía e frautista da agrupación.

Baixo o título “Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo”, o Consorcio de Santiago, organismo que xestiona a RFG, promovía en febreiro dúas exposicións para celebrar os vinte anos de traxectoria da orquestra. A mostra distribuíase en dous espazos, a Casa do Cabido (na Praza das Praterías), xa clausurada, e o Auditorio de Galicia (sede da orquestra), onde aínda se pode visitar.

Agora unha parte da exposición da Casa do Cabido repártese entre os centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fotiñas; coincidindo cos concertos da agrupación. Nestas mostran poden contemplarse fotografías de diferentes épocas da orquestra.

Un frautista afeccionado á fotografía

O autor das imaxes é o músico Luís Soto, frautista da Real Filharmonía de Galicia dende a súa creación, moi afeccionado á fotografía e que ten ilustrado os grandes momentos da orquestra. Ao longo destes anos logrou captar e reunir milleiros de instantáneas que agora comparte co público. A súa afección pola fotografía comezou hai 15 anos, xusto cando empezou a fotografar aos seu compañeiros. Así, na actualidade dispón de máis 25.000 instantáneas da práctica totalidade dos concertos, directores e solistas que colaboraron coa RFG ao longo da súa traxectoria.