A Agrupación de Arquitectos Peritos e Forenses do COAG organiza un curso para dar a coñecer os aspectos xurídico-técnicos necesarios nunha actuación pericial

Profesionais experimentados de diversas disciplinas, arquitectos expertos en peritaxe e xuristas como o maxistrado do Tribunal Supremo José Antonio Seijas, impartirán a formación

Celebrarase os días 22 e 23 de setembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura

A Agrupación de Arquitectos Peritos e Forenses (AAPF) do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza os días 22 e 23 de setembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura (Monte Gaiás, s/n) en Santiago de Compostela o curso básico “O dictame pericial do arquitecto”. A formación ten como obxectivos que os alumnos adquiran o coñecemento básico xeral das funcións, metodoloxía, procedementos e criterios técnicos de inspección e elaboración dos ditames periciais, así como do procedemento xudicial, obrigas e responsabilidades derivadas. Os contidos do curso articúlanse desde unha dobre perspectiva xurídico-técnica, para ofrecer unha visión integral do proceso e de todos os aspectos que interveñen no desenvolvemento profesional deste tipo de traballos.

O campo pericial e forense é un máis de aqueles nos que o arquitecto pode exercer o seu traballo profesional. Actualmente, esta actividade está adquirindo unha progresiva expansión e moitos arquitectos móstranse interesados en desempeñar funcións de maneira ocasional ou con exclusividade.

O presidente da AAPF do Colexio de Arquitectos de Galicia, Carlos Alvira Duplá, sinala que o exercicio da actividade pericial e forense esixe un alto compromiso de responsabilidade nos ámbitos legal e deontolóxico “pola enorme transcendencia social que comportan estas actuacións e a gravidade das consecuencias que se poden chegar a ocasionar para as partes implicadas no procedemento”.

Ante a escaseza deste tipo de formación, a finalidade deste curso de iniciación, de carácter monográfico, é profundizar nos coñecementos imprescindibles para a actuación neste campo, aspectos xurídicos ou doutra índole técnica como son as patoloxías constructivas, o desenvolvemento urbanístico ou os distintos métodos de valoración. O curso estará impartido por profesionais experimentados de diversas disciplinas como os arquitectos expertos en peritaxe Mariano de Labra, César Jiménez, Carlos Alvira, Emilio Herrera, Fernando Tabernero, Fernando Bendala e Fulgencio Avilés, ademais do xurista Alberto Martín, o maxistrado de Vigo Julio Picatoste, o maxistrado e presidente da Audiencia da Coruña, José Luis Seoane, e o maxistrado do Tribunal Supremo José Antonio Seijas. Despois de cada charla celebrarase un coloquio para aclarar conceptos e dudas.

dictamen-pericial