Arrancará coa estrea dunha obra do compositor galego Fernando Buide e pechará coa estrea dunha peza ao piano de Abe Rábade
O mestre londinense Jonathan Webb será o novo principal director convidado da orquestra
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou esta mañá a súa nova temporada de abono 2016-2017 na súa sede, o Auditorio de Galicia. Asistiron ao acto o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio da cidade, Belén Hernández; ademais do director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel.
A RFG celebrará 22 concertos de abono, que se adiantarán ás 20:30 horas por desexo maioritario dos aboados, trala enquisa realizada polo Consorcio e o Auditorio. A orquestra afrontará o repertorio clásico que a caracteriza pero ademais, no seu afán de innovar, explorará novos camiños musicais, abordando un repertorio nunca antes interpretado. Tal como manifestou Paul Daniel, “buscamos mesturar o vello co novo, o antigo co novidoso, e nesa liña deseñamos o programa. Sempre en continuo movemento, evolucionando, redefinindo o noso propio camiño”.
Concertos para as familias e actuacións nos barrios
Co fin de achegar a música clásica e a RFG a novos públicos, continúa con cinco concertos o ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que arrancou con grande éxito a temporada pasada, dirixido ás familias, aos máis novos e aos que non teñen a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, a un prezo asequible e nun horario máis accesible. E, dada a resposta dos veciños ás actuacións nos barrios, a orquestra sairá á rúa con varios concertos gratuítos. Os primeiros serán a principios de outubro nos centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fontiñas. Ademais, celebraranse concertos didácticos para os colexios e algúns ensaios estarán abertos ao público.
O alcalde salientou “a sorte que temos de manter na cidade á Real Filharmonía de Galicia, unha orquestra de gran calidade. E a nosa aposta é que os cidadáns a coñezan e a valoren. Queremos achegala ao maior número de públicos posible, aos barrios e á rúa; nun proceso dinámico que está a ter moi boa resposta entre os composteláns”.
A temporada de abono comezará o 27 de outubro, coa estrea dunha obra que o compositor compostelán Fernando Buide está a escribir para a RFG. E concluirá cunha nova colaboración con Abe Rábade, que estreará ao piano unha peza da súa composición. Outro galego, o director Diego García Rodríguez, levará de novo a batuta da orquestra nesta temporada. Ademais das estreas dos compositores autóctonos, haberá outras como o Concerto para clarinete e orquestra de Zebeljan. E continúa a colaboración con agrupacións musicais da cidade como a Escolanía da Catedral de Santiago, o Orfeón Terra A Nosa ou o coro de nenos da Escola Municipal de Música.
Unha ópera, o prato forte de novembro
En novembro porase en escena a ópera, en versión concerto, Os pescadores de perlas de Bizet, a de máis éxito do compositor francés despois de Carmen. Esta produción, realizada en colaboración cos Amigos da Ópera de Vigo e de Santiago, poderá desfrutarase tanto en Compostela como na cidade olívica. Dirixida polo mestre Paul Daniel, contará coas voces dun coro e dos tenores Francisco Corujo e o galego Borja Quiza, o baixo Felipe Bou e a soprano Ruth Iniesta.
A orquestra participará ao longo da temporada en iniciativas e festivais consolidados na cidade como Cineuropa, que este ano cumpre o seu 30º aniversario; Peregrinos Musicais, o curso Música en Compostela, as festas da Ascensión e o concerto na Quintana no marco das festas do Apóstolo. E celebrará os xa tradicionais concertos de Nadal e da noite de Reis, xunto co concerto das Letras Galegas.
Ademais, continuarase coa experiencia CONvers@ndo con. Os directores e solistas que participan nos concertos manteñen unha charla distendida co público antes de cada actuación, coa finalidade de acercar a música clásica de maneira informal.