O curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais recibe o maior número de candidatos de toda a súa traxectoria

_MG_1262Dende o centro destacan a calidade dos xoves músicos galegos, que cada vez se presentan máis preparados

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2016-2017. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexan perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión.

Probas de selección

Ás probas de selección das diferentes especialidades presentouse un bo número de candidatos. Segundo os datos aportados pola Escola, “este foi a convocatoria máis exitosa de todas as realizadas ata o momento”.

“Acudiron máis músicos que en outras ocasións e, ademais, cunha calidade moito máis elevada para cada unha das especialidades ofertadas” -apuntan os responsables de formación do centro-. Nesta liña, na Escola destacan o caso das cordas, onde sempre adoita haber un déficit de candidatos. Pero nesta ocasión superáronse todas as expectativas, o que indica, segundo aseguran dende a EAEM, que “a formación musical está a mellorar e o resultado son novos músicos cun nivel excepcional”.

Os estudantes teñen a oportunidade de ofreceren concertos públicos

O curso académico do Curso de Especialización Instrumental comeza no mes de outubro de 2016 e remata en xuño de 2017. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os participantes terán a oportunidade de ofrecer concertos públicos. Os alumnos recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.