A Cámara de Santiago ofreceu servizo a 5.730 empresas o pasado ano, corroborando o seu compromiso co “progreso” da demarcación

Presenta a Memoria 2015 onde se recollen as principais accións de comercio exterior, innovación, formación e emprego, creación de empresas e proxectos europeos

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presenta a súa MEMORIA 2015 [http://www.camaracompostela.com/memoria/memoria2015.pdf], que recolle as actividades e servizos dos que se beneficiaron un total de 5.730 empresas das comarcas de Santiago, Barbanza e Melide. O presidente da Cámara, Jesús Asorey, manifesta que a entidade, a pesar de vivir nun contorno cambiante, logrou manter firme a súa misión de “defensa dos intereses xerais das empresas” en 2015. Para facer efectivo este compromiso, o presidente solicita o respaldo do empresariado da demarcación do que se precisa o “apoio económico que nos permitan soster a institución no medio prazo”.Asorey destacou a “dilatada” experiencia da Cámara en promoción educativa e formación para a creación e consolidación de empresas, en programas de innovación e competitividade e en accións de internacionalización “acompañando ás empresas na súa aventura exterior”. Ademais, incidiu no “diálogo aberto e fluído” que a Cámara mantén coas Administracións Públicas, asociacións e organismos varios, “sempre comprometida co progreso de Santiago e o resto de municipios”.

En 2015 a Cámara liderou oito accións de internacionalización e promocións do comercio exterior a Emiratos Árabes Unidos, Cuba, Perú, Colombia e Singapur e India, nas que participaron 93 empresas galegas, da man do plan FOEXGA. Ademais, a entidade organizou a viaxe a uns encontros empresariais do sector da madeira en Alemaña e Brasil e do sector do turismo en Italia. En relación ás certificacións e visados de comercio internacional a Cámara de Comercio expediu durante 2015 un total de 1.726 a empresas da súa área de influencia.

O mellor viveiro de España en 2015

O viveiro de empresas do polígono de Costa Vella representa o espírito emprendedor e a capacidade de impulso da creación de empresas que ten a Cámara de Comercio de Santiago. En 2015 asentáronse nas súas instalacións 22 empresas físicas, que ocuparon 41 dos 50 módulos dispoñibles na incubadora, e 20 decidíronse polo viveiro virtual. A taxa de supervivencia empresarial desta estrutura está ao redor do 74 por cento. Foi cualificado segundo o Ranking Global da Fundación de las Cajas de Ahorros (FUNCAS) o mellor viveiro de empresas de España.

Ademais, a Cámara puxo en marcha un curso máis as súas charlas divulgativas en centros de ensino dos concellos da súa demarcación e as visitas guiadas ás instalacións do viveiro de empresas co fin de atopar futuros emprendedores. Contaron coa participación de 368 alumnos.

Durante o pasado ano, un total de 491 usuarias, entre emprendedoras e empresarias, usaron os servizos do Programa de apoio empresarial ás mulleres (PAEM), promovido polo Instituto da Muller e o Consello Superior de Cámaras con financiamento do Fondo Social Europeo. Ten como obxectivo erradicar os obstáculos que atope a muller para acceder e consolidarse no mercado laboral. Atendéronse 626 demandas de asesoramento e creáronse 49 novas empresas. Ademais de potenciar o autoemprego, xeráronse 57 novos postos de traballo asalariado, 34 deles desempeñados por mulleres e 23 por homes.

102 cursos e 2.080 alumnos

No apartado de formación, a Cámara de Comercio programou durante 2015 un total de 102 cursos formativos que contaron coa asistencia de 2.080 alumnos. Informática e novas tecnoloxías, laboral, comercio e vendas, contabilidade e fiscalidade, idiomas, recursos humanos e emprendemento son as áreas de formación que primou a entidade cameral. Ademais dos cursos propios, leváronse a cabo outras actividades formativas como xornadas ou seminarios, realizados en colaboración con outros organismos e institucións.

En materia comercial, a Cámara desenvolveu en 2015 o “Plan integral de apoio á competitividade do comercio minorista” orientado á innovación e competitividade do pequeno comercio. Realizou doce diagnósticos nos puntos de venda, sete plans titoriais de xestión para orientar os investimentos dos comercios e tres talleres sobre turismo de compras e xestión do comercio en Santiago, Melide e Boiro. Ademais, desenvolveu accións no “Programa Integral de Cualificación y Empleo” (PICE) tramitando a inscrición de 52 candidatos de entre 16 e 29 anos.

A Antena Local de Boiro conclúe a súa acción tras doce anos de servizos ás empresas do Barbanza

A Antena Local de Boiro da Cámara de Santiago atendeu 781 consultas de emprendedores, empresas e colectivos empresariais da comarca en 2015. Realizáronse trece accións formativas para 344 alumnos. Con estes bos resultados, a Antena Local de Boiro pecha as súas portas tras doce anos atendendo as consultas de emprendedores, empresas e colectivos dos municipios de Boiro, Riveira, Pobra do Caramiñal, Rianxo e Porto do Son. Entre 2004 e 2015 despachou 7.148 consultas e organizou 135 xornadas formativas nas que participaron 4.126 alumnos, ademais de elaborar o “Indicador de Confianza Empresarial (ICE Barbanza)” e outros estudos de investigación desde o Observatorio Económico do Barbanza.

O final do Programa Marco 2007-2013 da Unión Europea o pasado mes de decembro, tras dous anos de prórroga, deu por concluído o funcionamento da Antena que iniciou a súa actividade en 2004 como servizo de proximidade da Cámara de Comercio de Santiago para a zona do Barbanza, promovida polo Consejo Superior de Cámaras de Comercio, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e posta en marcha pola Cámara de Santiago e o Concello de Boiro, onde se ubicaba fisicamente. Desde a entidade desexan poder dar continuidade ao proxecto na comarca co novo Programa Marco 2014-2020, desenvolvendo unha iniciativa similar.

Segundo a valoración da Cámara, a iniciativa aseguraba a proximidade da organización e ofrecía axilidade no asesoramento empresarial e maior eficiencia nos procedementos administrativos. O obxecto era satisfacer as necesidades do tecido industrial dunha comarca co PIB en ascenso, concretamente polo auxe do sector agroalimentario coas conserveiras á cabeza.

A Cámara de Comercio continuará ofrecendo servizos ás empresas locais desde as súas instalacións de Santiago co obxecto de contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo dos municipios barbanzás. Nesta liña, a Cámara de Comercio mantén actualmente contactos coas Administracións locais, en concreto cos concellos de Riveira e Porto do Son para desenvolver actividades en materia de emprendemento.

Fortalecemento competitivo das empresas

No departamento de Proxectos Europeos presentáronse en 2015 nove candidaturas variadas para programas de prevención de negocios errados e insolvencia, experiencias en empregabilidade, formación innovadora, proxectos de internacionalización con países asiáticos, emprendemento para mozos europeos oude intercambios transnacionais turísticos en temporada baixa.

Na área de innovación, o Programa Innovación e Transferencia do Coñecemento, “Feira do Coñecemento”, axudou a que 75 empresas estableceran contacto con centros tecnolóxicos de nivel, asistindo a tres xornadas de sensibilización, para finalmente conseguir 17 preacordo de colaboración al longo do último ano.

No programa gratuíto InnoCámaras, deseñado pola Cámara de Comercio de España, a Cámara quere potenciar a presenza da innovación e fortalecer a posición competitiva das pequenas e medianas empresas. O programa conta co financiamento de fondos FEDER, as Cámaras de Comercio e a colaboración da Xunta de Galicia. Na convocatoria 2014-2015 recibíronse 127 solicitudes de participación. Con respecto ao programa TIC Cámaras, recibíronse 106 solicitudes de empresas para participar na iniciativa destinada a incorporar tecnoloxías da información como ferramentas competitivas claves na súa estratexia. Ademais, o departamento emitiu 17 certificados dixitais no marco do seu acordo con Camerfirma para a tramitación telemática coas Administracións Públicas.

Jesús Asorey