O alcalde de Santiago visita o viveiro da Cámara de Comercio e comenta cos emprendedores as súas experiencias empresariais

Jesús Asorey: “Aproximadamente 9.000 empresas recibiron asesoramento neste dez primeiros anos de funcionamento do viveiro de empresas”

Martiño Noriega: “ A Cámara é un elemento dinamizador do termo municipal”

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, recibiu hoxe no viveiro de empresas de Costa Vella ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega,  que percorreu as instalacións da incubadora cameral, cualificada polo informe da Fundación de las Cajas de Ahorros (FUNCAS) como o mellor viveiro de España en 2015. Na visita tamén participaron á concelleira de Promoción Económica e Emprego, Marta Lois, o secretario cameral, Fernando Barros, e a responsable o viveiro, Rosa Cardeso.

Os directivos camerais fixeron unha ampla exposición sobre os servizos de asesoramento empresarial e xurídico que o viveiro presta aos emprendedores e, posteriormente, amosaron polo miúdo as instalacións ao alcalde da cidade, cuxa visita se prolongou durante máis dunha hora. Varias empresas instaladas actualmente na incubadora charlaron co rexedor sobre o valor do emprendemento e as súas experiencias empresariais.

Jesús Asorey destacou os inicios do viveiro, creado en 2006 en colaboración co Concello de Santiago –que cedeu a parcela do polígono de Costa Vella–, a Deputación da Coruña e a entidade Caixa Galicia naqueles momentos. O presidente sinalou que a incubadora, ademais de ofrecer espazo físico ás empresas que se queiran instalar, é un punto de asesoramento para o inicio de proxectos e a consolidación de empresas. “Aproximadamente 9.000 empresas recibiron asesoramento neste dez primeiros anos de funcionamento do viveiro de empresas” –explicou–.

Pola súa parte, Martiño Noriega remarcou o “bo facer” da Cámara de Comercio nos procesos de asesoramento empresarial, prestados desde o viveiro de empresas, e o seu papel como elemento “dinamizador” do termo municipal de Santiago.

A incubadora alberga actualmente a 46 empresas

O viveiro de empresas de Cámara acolle na actualidade a 46 empresas, o que supón un nivel de ocupación do 80%. Desde o seu nacemento en 2006, pasaron pola incubadora un total de 147 firmas, cunha taxa de supervivencia empresarial do 76%, cifra que amosa o seu correcto funcionamento e a calidade do seu emprendemento.

O viveiro xerouse para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresarios individuais e empresas. Forma parte activa da Rede Incyde, a maior de Europa, que actualmente engloba a 117 incubadoras en activo, o que permite aos viveiristas ter acceso a unha axenda internacional de contactos e eventos.

Cunha superficie construída de 1.599,8 m2, con catro alturas, 24 oficinas, salas de reunións e aulas, o viveiro está dedicado integramente á incubación de proxectos. Sumado aos servizos de infraestrutura e loxística, os viveristas reciben formación, tutorización e asesoramento especializado segundo as súas necesidades. E de maneira complementaria, ofrece a opción do viveiro virtual para aqueles que non precisen, polas características da súa actividade empresarial, dun espazo físico onde situarse, pero sí a infraestrutura, loxística e servizos ofertados polo viveiro.