Antón Reixa falará na Cámara de Comercio de Santiago sobre a empresa cultural e a súa internacionalización

A conferencia celebrarase o vindeiro martes-28, ás 20:00 horas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela continúa coa programación do seu ciclo de conferencias, destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando a personaxes de gran relevancia en diferentes ámbitos.

O próximo convidado, tras o director da Real Academia Española (RAE) no mes de febreiro e o catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), José Luis Mascareñas, será o presidente da productora Filmanova, Antón Reixa. Ofrecerá unha charla o vindeiro martes, 28 de xuño, titulada “Cultura, empresa e internacionalización”, que terá lugar ás 20:00 horas no salón de actos da sede cameral. O presidente da Cámara de Santiago, Jesús Asorey, será o encargado de presentar a Reixa nunha conferencia á que se espera unha ampla asistencia do eido cultural galego.

Antón Reixa (Vigo, 1957) é un artista multimedia e dirctor de vídeo, televisión e cine. Ten escrito poesía (foi membro do colectivo Rompente), narrativa, teatro e columnas de prensa. Dirixiu e presentou programas na radio e TV. Realizou videoclips de músicos como Joaquín Sabina e Siniestro Total. É o creador da teleserie “Mareas Vivas” e o principal promotor e responsable da longametraxe “O lapis do carpinteiro” (2002), entre moitas outras películas. Foi letrista e cantante do grupo Os Resentidos (1982-1994). En 2007 recibiu o premio Pedrigree pola súa traxectoria cinematográfica no Festival de Cans.

Antón Reixa