Máis de 45.000 escolares participaron desde o ano 2000 nas visitas guiadas e intercambios territoriais da iniciativa de cooperación educativa ProxectoTERRA

O Colexio de Arquitectos de Galicia conmemora o seu 15º aniversario cunha exposición cos materiais didácticos que xa chegan aos 1.400 centros educativos da comunidade

Xosé Manuel Rosales, coordinador: “Hai que administrar con sabedoría e traspasar con xenerosidade as paisaxes e o territorio herdado que conforman un lugar onde o mundo se chama Galicia”

  • A mostra itinerante, que se inaugurou hoxe no Obelisco da Coruña, percorrerá durante xuño e xullo as grandes cidades galegas ocupando espazos públicos das súas rúas
  • ProxectoTERRA conta co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, ONCE, Nova Escola Galega e Arquitectura Sen Fronteiras

O Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurou hoxe na Coruña a exposición conmemorativa 15 anos do ProxectoTERRA”, composta por oito prismas onde se mostra o transcorrer desta iniciativa de cooperación co mundo da educación, dirixido ás distintas etapas educativas co obxecto de contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e da identidade territorial galega. A inauguración, que se celebrou no Obelisco, contou coa asistencia do decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. Ademais, o acto contou coa presenza do presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, Roberto Costas, a secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o tenente de alcalde e responsable de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello da Coruña, Xiao Varela, o director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o coordinador do Proxectoterra, Xosé Manuel Rosales, que guiou o percorrido pola instalación da mostra.

O ProxectoTERRA nace no ano 2000 por iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, o cofinanciamento da Xunta de Galicia e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, ONCE, Nova Escola Galega e Arquitectura Sen Fronteiras.

Destinado a todas as etapas educativas –Infantil, Primaria e Secundaria–, o proxecto pretende mellorar a formación que as galegas e os galegos deben ter sobre os espazos e lugares que se habitan, uns lugares e paisaxes cheas de valores que son resultado dun lento e laborioso proceso de transformación do medio no que se vive. “Hai que administrar con sabedoría e traspasar con xenerosidade as paisaxes e o territorio herdado que conforman un lugar onde o mundo se chama Galicia” –destacou Rosales.

O ProxectoTERRA procura ser un punto de encontro que contribúa a que o conxunto da cidadanía teña un mellor coñecemento de como ao longo do tempo se foi construíndo o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído, a tradición herdada –da que se debe aprender– e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar, para así estar en mellores condicións de propoñer e desexar os espazos a habitar. En 2010 ProxectoTERRA recibíu o Premio Nacional de Urbanismo do Ministerio de Fomento, e en 2011 a Fundación Premios da Crítica de Galicia concedeulle o Premio de Iniciativas Culturais.

Os materiais elaborados polo ProxectoTERRA son distribuídos gratuitamente á totalidade dos centros educativos de Galicia, uns 1.400 centros de Infantil, Primaria e Secundaria públicos, privados e concertados. Grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, a iniciativa desenvolveu unhas 900 actividades complementarias, entre visitas guiadas de arquitectura e cidade e os intercambios territoriais, nas que participaron uns 150 centros, na súa maioría públicos e de Educación Secundaria, e un total de 45.000 escolares.

O profesorado tamén recibe cursos de formación. O ProxectoTERRA impartíu desde os seus inicios uns 55 cursos formativos nos que participaron 2.400 profesores das distintas etapas educativas. “Nas últimas xornadas de formación desenvolvidas neste curso, incorporadas no Plan Anual de Formación da Consellería de Educación, a valoración feita polo profesorado dos recursos elaborados foi moi satisfactoria, resaltando a perfecta adecuación a cada un dos nieves educativos” –sinalou Rosales–.

Nesta mostra preséntanse os últimos recursos educativos elaborados: “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes” (2015), dirixido á Educación Secundaria, e “Sabela e as zocas máxicas” (2014), dirixido á Educación Infantil. Para os estudantes de Secundaria, o ProxectoTERRA editou en 2015 o recurso educativo Pagus. A publicación, composta por catorce paisaxes galegas, preséntase en dous volumes, o libro do alumnado e a guía do profesorado, e ten como marco de referencia o Convenio Europeo da Paisaxe e o currículos educativos vixentes co fin de seguir os criterios do Consello de Europa sobre a necesidade de fixar obxectivos e metodoloxías na materia de paisaxe e desenvolvemento sustentable no eido do ensino obligatorio. Deste xeito, Pagus enmarca os seus obxectivos na aprehensión das distintas miradas, interpretacións e análises que o alumnado galego pode acadar de diversas realidades paisaxísticas do territorio que habita, ademais de fomentar o sentimento de pertenza a unha comunidade da que son axentes activos e, todo iso coa finalidade de formar cidadáns e cidadás do futuro.

“Pagus é a nosa contribución ao coñecemento das nosas paisaxes coma un ben público ao que a cidadanía ten dereito, que abrangue a totalidade dos territorios e forma parte do marco vital de toda persoa e sociedade. As paisaxes comúns, que conforman os escenarios de vida da maioría da poboación, constitúen os mellores indicadores do estado do territorio. A súa calidade está asociada a unha xestión sustentable a longo prazo, que respecte as características biofísicas e os equilibrios ecolóxicos sen deixar de ser funcionais e produtivas. A paisaxe constitúe a evidencia máis comprensible para o conxunto da cidadanía de que xestionamos un recurso esencial, escaso e non renovable” –explicou Rosales–.

Casa, escola e camiño

Ademais, a exposición exhibirá os contidos do libro infantil “Sabela e as zocas máxicas”. Trátase dunha publicación que forma parte dos recursos educativos elaborados polo ProxectoTERRA para Educación Infantil co obxecto de orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás no ánimo de facelas o máis diversas, persoais e completas posibles. Foi creado e escrito por  Lorena Mª Croques, Mª José del Río e Miriam Sedes, con ilustracións de Óscar Villán.

Este conto narra o camiño da casa á escola de Sabela. É a idea que articula as tres historias do conto como un “achegamento multisensorial e emocional/afectivo” ao espazo vivido, que axuda a facer máis rica a construción mental que nestas idades temperás se está a facer dos tres ámbitos máis significativos na vida dos cativos: a casa, a escola e o camiño que percorren todos os días dunha á outra. Son tres ámbitos, o privado, o social e o público, que estarán presentes ao longo das vidas e que xa se constrúen desde pequenos.

A mostra permanecerá exposta na Coruña ata o vindeiro día 12 de xuño. A continuación, o carácter itinerante levará a exposición ás outras seis grandes cidades galegas, onde estará aberta ao público durante seis días, de martes a domingo. En xuño visitará Ferrol, entre os días 14 e 19 (rúa Real) e Santiago de Compostela, do 21 ao 26 (pendente de confirmar lugar). Chegará a Pontevedra (Praza da Ferrería) o día 28 de xuño e estará exposta ata o 3 de xullo. No mes de xullo, a mostra poderase ver en Vigo (rúa Príncipe) do 5 ao 10, en Ourense (rúa do Paseo) do 12 ao 17 e en Lugo (Praza de San Marcos, diante da Deputación de Lugo) do 19 ao 25 de xullo.