Expertos en eficiencia enerxética defenden o uso da madeira nas vivendas debido ao seu alto grao de illamento térmico, vinte veces superior ao do granito

logo_effesusEsta semana o Consorcio de Santiago organiza uns talleres para que os cidadáns coñezan como reducir o consumo enerxético

Tamén se poden realizar consultas personalizadas na sede do Consorcio

Baixo o lema Rehabilita con enerxía!, o Consorcio de Santiago está a celebrar ao longo desta semana, no primeiro andar da Galería Sargadelos, varios talleres participativos para que os cidadáns melloren a xestión enerxética nas súas vivendas, en colaboración coa Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos-. O Consorcio é un dos 23 socios deste proxecto, xunto con institucións, axencias de investigación, universidades e empresas de toda Europa.

No marco destas xornadas, esta tarde o arquitecto técnico Adolfo Montero, experto en madeira, abordará a construción enerxeticamente eficiente con madeira en Galicia. Explica que “a madeira é un material excepcional dende o punto de vista térmico, 357 veces máis illante que o aceiro, 20 veces máis que o granito e 16 veces máis que o formigón. Aínda que non chega a considerarse un material illante, ofrece un alto grao de illamento térmico. Con 3 centímetros de madeira conséguese o mesmo resultado que con 1 centímetro de poliestireno”.

O experto sinala ademais que a madeira é un material higroscópico, o que supón que tende a captar o grao de humidade que hai no ambiente e actúa como un regulador. Así, ante un exceso de humidade, absorbe parte da mesma e, ao revés, ante un ambiente seco, perde parte da súa humidade e emítea ao exterior. E a estas propiedades súmase o feito de que a madeira posúe unha boa temperatura superficial, o que a diferencia doutros materiais construtivos fríos como é o caso da pedra.

O arquitecto técnico manifesta, non obstante, que o emprego da madeira na construción ou na restauración de edificios e vivendas require do emprego de sistemas propios da madeira para que se manteñan as súas propiedades. Nesta liña, afirma que nos últimos anos tense producido un importante avance en I+D+i neste eido. E “os sistemas de selado e illamento que se aplicaban ata o de agora nas construcións non eran os propios da madeira, o que pode provocar patoloxías na mesma e resultados non desexados como inflitracións ou falta de transpiración, fronte á ansiada eficiencia enerxética” -indica-.

Os cidadáns poden realizar consultas personalizadas no Consorcio

Estas conferencias, que comezaron onte martes en Sargadelos, desenvolveranse todas as tardes ata o vindeiro venres. Ao remate de cada xornada, os cidadáns asistentes poderán participar en mesas de debate cos expertos.

E, tamén en Sargadelos, coa colaboración e o financiamento da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, estanse a celebraranse os talleres didácticos Xoga e aprende con enerxía! para nenos de entre 9 e 12 anos. As seguintes terán lugar os sábados 28 de maio, 4, 11 e 18 de xuño. Cómpre reservar praza nos teléfonos 981 554 400 / 401, a través do fax 981 571 511 ou do enderezo dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Ademais, hoxe mércores e o venres (de 13 :00 a 14:00 e de 16:15 a 17:15 h), os cidadáns poderán realizar consultas de balde sobre a eficiencia enerxética das súas vivendas ou edificios na planta baixa da sede do Consorcio (Rúa do Vilar, 59), onde os atenderán expertos neste eido, previa cita no 981 574 700 ou a través de rehabilitaconenerxia@consorciodesantiago.org.