Récord de inscrición no curso de posgrao de especialización orquestral, que permite aos alumnos formarse coa Real Filharmonía de Galicia

4466Os aspirantes, un total de 155 rapaces, terán que someterse a unha audición a finais de xuño para acceder a unha das 18 prazas ofertadas nas diferentes especialidades

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

Xa rematado o prazo de inscrición para o novo curso 2016-2017, rexistrouse un número de inscricións nunca antes alcanzado, o que constata o grande interese que suscita este curso entre os xoves intérpretes. Así, segundo os datos aportados pola Escola, un total de 155 rapaces optan a algunha das 18 prazas ofertadas.

Así, 34 persoas preséntanse para a especialidade de violín, para a que se ofrecen 6 prazas, 10 para viola (2 prazas), 16 para violoncello (2 prazas), 5 para contrabaixo (1 praza), 7 para óboe (1 praza), 23 para frauta (1 praza), 25 para clarinete (1 praza), 9 para fagot (1 praza), 10 para trompa (1 praza), 6 para trompeta (1 praza) e 10 para percusión (1 praza).

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocarán en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

Tal como indican dende a Escola, o éxito de curso reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.

Os aspirantes terán que amosar as súas habilidades nunha audición

Os 155 preseleccionados deberán realizar unha proba final, que terá lugar a finais de xuño. Consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.