A adega Paco & Lola vén de participar nunha misión comercial a Turquía da Cámara de Comercio de Santiago cunha aceptación “moi boa” dos seus viños
- Detalles
- Categoría: Cámara Santiago
- Published: Mércores, 05 Xuño 2013 23:00
- Visitas: 863
Traballará cun dos mellores importadores do país
Alicia Carro, directora de Exportación:
“Temos expectativas postas neste mercado, moi favorable para os nosos viños e para a marca global que axiña se poderá ver e consumir nos mellores sitios de Turquía”
A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela liderou o pasado mes de maio unha misión comercial directa a Turquía na que participaron seis empresas galegas dos sectores da maquinaria conserveira, conxelados, viños e mobles. Esta misión comercial enmárcase no Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia coa participación de todas as Cámaras galegas a través dos Fondos FEDER.
Turquía é un país moderno, socio fundador da Organización para la Cooperación y el Desarrollo Económicos (OCDE), e constitúe un dos países emerxentes con índices de desenvolvemento máis elevados. Unha das participantes, a directora de Exportación da Adega e Viñedos Paco & Lola, Alicia Carro, considera positivos os resultados acadados durante a viaxe que realizaron a Estambul entre os días 26 e 31 de maio. A Cámara de Comercio de Santiago proporcionoulle unha boa axenda e entrevistas cos mellores importadores do país, onde a empresa vitivinícola xa contaba con contactos. “Esta acción organizada pola Cámara de Comercio de Santiago serviu para afianzar as relacións existentes e valorar outras opcións” –indica Alicia Carro–.
Segundo a representante de Paco & Lola, o mercado turco presenta “oportunidades reais de negocio”, non só de viños, senón de moitos outros bens de consumo, ademais de resultar un mercado “moi atractivo a medio prazo, con posibilidades altas de crecemento”.
Calidade de produto e innovación no etiquetado
Alicia Carro destaca que a adega Paco & Lola traballará cun dos mellores importadores de viños, incluíndo produtos das súas principais marcas, o Albariño Paco & Lola e o tinto Paco. “A aceptación dos viños de Paco & Lola foi moi boa nun país receptivo a novos produtos e tendencias de consumo. Temos expectativas postas neste mercado, moi favorable para os nosos viños e para a marca global Paco & Lola, que axiña se poderá ver e consumir nos mellores sitios de Turquía” –indica Alicia Carro–.
Para situarse e afianzarse no mercado turco, Alicia Carro explica que a visión de mercado céntrase en comezar “pouco a pouco”, posicionándose nas mellores contas de hoteis e restaurantes que mostraron interese polo produto. “A calidade e un embalaxe diferenciado son os nosos puntos fortes” –salienta–.
Os principais inconvenientes cos que se atoparon foron as trabas e esixencias burocráticas e os excesivos e elevados impostos. “Os prezos en hostalería e supermercados son esaxeradamente altos, algo contradictorio mesmo para a industria local, xa que Turquía tamén é productor de viños de calidade, sorprendentemente” –declara Carro–.
O feito de recibir turistas de forma masiva contribúe á rotación no consumo, ademais de grupos poboacionais cada vez máis sofisticados que tenden á busca de novos produtos que aporten un valor engadido. A inmensa riqueza cultural de Turquía e o seu eclecticismo favorecen a apertura, o que os americanos denominan to be open-minded, ser máis tolerantes e con mentalidade máis aberta.
O Goberno turco aprobou unha nova lei que afecta á promoción e distribución de alcohol, pendente aínda de sinatura. Con este novo marco lexislativo, os importadores turcos están preocupados, pero as súas perspectivas son boas e esperan que a norma non saia adiante.