O viveiro da Cámara de Comercio de Santiago inaugura o luns un programa para mellorar a competitividade de empresas en crise
- Detalles
- Categoría: Cámara Santiago
- Published: Martes, 04 Xuño 2013 12:24
- Visitas: 794
Poderán participar entre 15 e 25 micropemes de sectores tradicionais, con máis de cinco anos de antigüidade e plantillas dun máximo de dez empregados, e emprendedores
- A inscrición, de carácter gratuíta, estará aberta ata o venres-7
- Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Incyde e a Consellería de Traballo
A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela inaugura o vindeiro luns, 10 de xuño, o programa “Compite +. Diagnóstico e plans de acción para a mellora da competitividade das pemes ante a crise”, no viveiro de empresas de Costa Vella (Polígono Costa Vella, 40, parcela nº 68), ás 18:00 horas. Asistirán o titular da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, o director Xeral de Traballo, Odilo Martiñá, e o director da Fundación Incyde, Javier Collado. Este programa realízase a través dun protocolo de colaboración entre a Cámara de Comercio de Santiago, Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (Fundación Incyde) e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Este proxecto ten como finalidade promover a mellora das oportunidades de negocio das empresas en situación de crise. Está dirixido preferentemente a propietarios e xerentes de micropemes de sectores tradicionais, con máis de cinco anos de antigüidade, con plantillas dun máximo de dez empregados que precisan apoio nas áreas de innovación e transferencia de tecnoloxía, finanzas, marketing comercial, xestión de procesos, internacionalización e comercio exterior, ademais de a emprendedores. Outro dos obxectivos será a implementación e mellora dos negocios con vocación exportadora dos seus produtos ou servizos, perseguindo un aumento da súa competitividade.De xeito específico, este programa persegue transmitir conceptos específicos sobre a dirección en tempo de crise, aprender a realizar un diagnóstico dos problemas críticos, establecer prioridades e asumir a toma de decisións e fixar un calendario con axudas urxentes. Para alcanzar estas metas específicas, as empresas participantes deberán cumprimentar unha enquisa de auto diagnóstico do seu nivel de competitividade e terán que facer unha revisión por áreas temáticas dos factores críticos para a competitividade. O resultado final do traballo será a presentación dun Plan de axuste empresarial ou Plan de recuperación empresarial.
Neste programa poderán participar entre 15 e 25 empresas. Impartiranse un total de 320 horas, desde o luns-10 de xuño ata o 2 de agosto, en horario de 18:00 a 21:00 horas. A inscrición gratuíta estará aberta ata o venres-7: http://www.camaracompostela.com/formacion_preins.asp?ncurso=4912013.