A Cámara de Comercio de Santiago lanza un servizo “único e exclusivo” para evitar impagos e morosidade nas exportacións

fiableAs empresas accederán a listados personalizados de dez clientes potenciais

 

“Clientes Fiables” terá un prezo asequible e estará dispoñible para a maior parte da Unión Europea, Suíza e Estados Unidos

 

 

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela oferta un novo servizo aos seus asociados e empresas da súa demarcación cameral, “Clientes Fiables”. Trátase dunha ferramenta “única e exclusiva” no mercado que permitirá centrar ao máximo as accións de prospección dunha empresa exportadora. A principal característica deste servizo é que inclúe unha selección personalizada de clientes potenciais que presentan un baixo nivel de risco de impago e de morosidade na exportación.

O servizo funciona de maneira sinxela. O exportador dirixirase á Cámara de Comercio de Santiago para solicitar un listado de “Clientes Fiables” nun determinado mercado, personalizando a súa busca por múltiples criterios como o sector de actividade, tamaño da empresa, número de empregados ou facturación anual. A continuación, o exportador recibirá da man dun analista experto un listado con 10 clientes potencias dun determinado produto ou servizo con información de contacto e datos relevantes para un axeitado análise de risco comercial, como os límites de crédito ou a calificación crediticia. A información analizada será xerada no país de destino e adaptada ás características de cada mercado.

Este servizo contará cun prezo asequible para calquera peme que desexe abrir novos mercados ou mellorar a súa presenza neles. “Clientes Fiables” despega cubrindo os principais mercados da exportación española, e inicialmente estará dispoñible para Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Inglaterra, Irlanda, Islandia, Italia, Luxemburgo, Noruega, Polonia, Portugal, República Checa e Suíza.