O trompetista principal da Sinfónica de Sevilla, o galego José Forte, impartirá clases a xoves músicos da comunidade

É o primeiro ex-alumno da Escola de Altos Estudos Musicais que ofrece clases no centro

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do trompetista galego José Forte, que é o primeiro ex-alumno da Escola que ofrece clases no centro. Xunto aos estudantes da EAEM, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o xoves 16 de novembro, pola mañá de 12:00 a 14.00 horas e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Foi membro da Joven Orquesta Nacional de España 

José Forte é na actualidade trompeta solista da Real Orquesta Sinfónica de Sevilla. Naceu na localidade pontevedresa de Meaño en 1989. Aos 8 anos comeza os seus estudos musicais. Formouse no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, na propia Escola de Altos Estudos Musicais e na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia.

En 2012 fixo un máster na especialidade de orquestra na cidade suíza de Zúric e posteriormente inicia os seus estudos de trompeta barroca. Foi membro da Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta Joven de la Sinfónica de Soria, Sibelius Academy Symphony Orchestra e Schwlestig Holstein Musik-Festival. Colabora asiduamente coas orquestras Ciudad de Granada, Sinfónica de Castilla y León, Real Filharmonía de Galicia e Sinfónica de Navarra.