A Cámara de Santiago e ABANCA convocan o cuarto premio “Camiño do emprendemento”

Premiarán a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas de Costa Vella cunha bolsa económica e servizo de consultoría  

As solicitudes de inscrición poderanse presentar ata o 30 de novembro

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela convoca o IV Premio “Camiño do Emprendemento 2017”, co patrocinio de ABANCA. É un recoñecemento que pretende promocionar as iniciativas empresariais e prestar apoio para a posta en marcha, desenvolvemento e consolidación dos proxectos empresariais máis destacados da demarcación cameral de Santiago, coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos seus trinta e dous concellos.

O premio consiste en tres bolsas que cubrirán ao 50 por cento os gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano. Está destinado a emprendedores que teñan constituída unha empresa cunha antigüidade non superior a dous anos e para emprendedores que teñan o seu proxecto empresarial en fase de maduración ou se comprometan a facelo nun prazo de seis meses, e en ningún momento deben ser proxectos que xa foran obxecto de incubación non viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago por un período superior a tres meses.

Durante os doce meses de estancia na incubadora, os emprendedores recibirán servizos de acompañamento, cosultoría, titorización e mentorización dos seus proxectos empresariais coa finalidade de favorecer o seu arranque, creación e consolidación co propósito de asegurar a súa supervivencia. Ademais, os participantes poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por ABANCA).

As solicitudes para participar deberán presentarse antes do 30 de novembro ás 14:00 horas no rexistro da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44 baixo) ou no viveiro de empresas do Polígono de Costa Vella (rúa República Checa, 40). A inscrición estará dispoñible na web corporativa www.camaracompostela.com.

O xurado terá en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes. Os seus membros analizarán cada un dos proxectos presentados e manterán unha entrevista persoal cos candidatos.  O fallo do premio farase plúblico o día 15 de decembro na Cámara de Comercio de Santiago.