JUAN CONDE: “Posuímos o fondo editorial de maior relevancia sobre a historia de Compostela”

O Consorcio de Santiago exhibe a súa frutífera traxectoria de vintecinco anos nunha exposición bicéfala na Casa do Cabido e no pazo de Fonseca. Comisariada por Juan Conde e Idoia Camiruaga, responsable de Publicacións e Exposicións e arquitecta da Oficina Técnica da entidade respectivamente, a mostra prolongarase ata o 30 de setembro, coa posibilidade de que se amplíe o prazo. Mentres na ubicación universitaria se presentan os principais programas e actuacións en materia de rehabilitación arquitectónica, na sede do Cabido faise balance de preto de medio milleiro de publicacións e exposicións, ademais de dedicar un espazo propio á Real Filharmonía de Galicia.

Estamos ante unha exposición miscelánea.

Miscelánea e representativa, porque recolle os inicios institucionais e a conseguinte aprobación dos estatutos do Consorcio. Foron anos de verdadeira complexidade político-administrativa.

Naceron meses antes do lexendario ano xubilar de 1993.

Empezamos no Auditorio de Galicia, ata que en decembro do 92 viñemos para a nosa sede do pazo de Vaamonde. Daquela os únicos medios de comunicación eran o teléfono fixo e o fax, nunha época de moita faena, sen horarios, pero traballando con grandes profesionais e sabendo que a cidade ía dar unha volta completa.

Que publicacións podemos ver no Cabido?

Voces de Compostela, Cadernos do Camiño de Santiago, artigos en revistas nacionais… Cada quince días viñan xornalistas e axencias de viaxes de Europa e Sudamérica que levábamos á “pulpería”, como se lle chamaba á casa de madeira que había detrás do Concello, onde se despregaban os proxectos nos que se estaba a traballar.

 Cal foi o primeiro libro que editou o Consorcio?

Compostela, años atrás, de Alonso Zamora Vicente, baixo a dirección de Darío Villanueva, catedrático que puxo en marcha o servizo.

Que artistas lle deixaron unha pegada especial?

Chillida, pola súa intelixencia. Valente, porque era reflexivo e amable. Torrente Ballester, pola súa forma de ser paternal. E o fotógrafo Schommer, pola súa profesionalidade. Foron os artistas que máis me sorprenderon.

E imaxes?

Unha foto tomada no Hostal dos Reis Católicos onde están conversando de forma natural e distendida Xerardo Estévez, Manuel Fraga, Eduardo Chillida e José Ángel Valente; imaxe que se pode ver e rememorar na mostra.

Que placer lle proporciona o seu traballo?

O que más me satisfai é o proceso que segue un libro ata o seu acabado: desde que chega o orixinal, lelo, falar co autor, buscar imaxes… E, en canto ás exposicións, buscar a documentación, darlle coherencia, un sentido, pensar que textos deben ir para que a xente a entenda… Gozo moito co meu traballo.

Todo un orgullo logo de vintecinco anos?

A día de hoxe posuímos o fondo editorial de maior relevancia sobre a historia local co que conta Compostela. E as nosas exposicións están nun rango de 22.000 visitantes ao ano. Ademais, fixéronse todas as grandes obras: Periférico, Monte do Gozo, Palacio de Congresos, Multiúsos do Sar… e mesmo as torres de Hejduk, pensadas para Belvís que acabaron na Cidade da Cultura.

Mesmo a conversión do Banco de España en Museo das Peregrinacións e de Santiago?

Si, un proxecto laureado do arquitecto Gallego Jorreto. Por certo que me gustaría destacar que, trala rehabilitación do edificio das Praterías, montamos a primeira exposición antes de cederlle a xestión á Xunta de Galicia: “Compostella dicitur. A cidade da catedral. Santiago en 2011”, que fixemos hai cinco anos.

E como valora o papel de Xerardo Estévez?

O alcalde Estévez tiña a visión de futuro da cidade e apostou polo Consorcio. Soubo rodearse dun equipo de concelleiros e profesionais de todo tipo (arquitectos, historiadores, xornalistas, deseñadores, publicistas, fotógrafos…) para levar adiante o proxecto. O resultado foi que Santiago saíu do retraso que arrastraba en materia de infraestruturas e actividade cultural.