O director do Igape, Juan Cividanes, visita o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago

A incubadora foi designada por Funcas como a mellor de Galicia e a quinta en servizos avanzados de toda España

O presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, mantivo hoxe un encontro institucional co director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, que ademais visitou as instalacións do viveiro de empresas de Costa Vella.

Durante a reunión, comentaron as liñas de traballo da Cámara de Comercio en materia de emprendemento e creación de empresas e as liñas de axuda da Unidade Galicia Emprende do Igape, que pretende desenvolver ideas empresarias e facer que as iniciativas viables sexan posibles.

Os representantes camerais explicaron a estratexia que segue a Cámara de Comercio de Santiago en materia de creación de empresas, centrada na reinvidicación da figura do empresario e destinada a fomentar a economía do benestar mediante a xeración de emprego, sobre todo xuvenil. Destacando as boas prácticas da incubadora, que foi designada por Funcas como a mellor de Galicia e a quinta en servizos avanzados de toda España, indicaron que o principal valor engadido do viveiro é ofrecer servizos de acompañamento empresarial desde a fase de proxecto ata a consolidación da empresa, ademais de servizos de loxística, formación e asesoramento na busca de financiamento. Actualmente, o viveiro de Costa Vella conta con 50 firmas (29 con ubicación física, ocupando ao 100% a instalación, e 21 empresas na proposta virtual).

Trataron tamén temas de internacionalización e a evolución das misións comerciais dirixidas este ano pola Cámara de Comercio de Santiago a través do Plan de Fomento das  Exportacións Galegas (Plan Foexga). A entidade cameral organiza este mes unha misión a Arxentina e Uruguai, que se desenvolverá do 24 de xuño ao 2 de xullo. O vindeiro mes de xullo, do 22 ao día 27, está programada unha misión comercial á feira Pure Londres de confección e complementos; e en setembro viaxarase a Alxeria, do 16 ao 22, e do 7 ao 12 organizarase á misión comercial á feira  “Who´s Next” de Parissector Moda. Ademais xa se celebraron misións a Cuba e Chile e Perú en marzo, a Sudáfrica en abril, e en maio a Emiratos Árabes Unidos e Qatar e Indonesia.