O conselleiro de Cultura e o director xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura inauguran mañá mércores o VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial

Durante tres días abordarase en Santiago o impacto do turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial

O Consorcio de Santiago inicia os actos conmemorativos do seu 25º aniversario coa celebración do VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial. O evento, organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, terá lugar entre o 29 e 31 de marzo e abordará o impacto do turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial.

O Encontro inaugúrase mañá mércores, ás 9:30 horas no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Asistirán o director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Luis Lafuente; a directora xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura de Portugal, Paula Silva; Maria de Lurdes Serpa Carvalho, representante da Comisión Nacional de UNESCO Portugal; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; xunto ao alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega.

Este VI Encontro está organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico, en colaboración co Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Reunirá na capital galega a uns 70 expertos. Estarán representantes da UNESCO, de Patrimonio do Ministerio de Cultura e das Comunidades Autónomas, xunto a xestores do patrimonio de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade de España e Portugal.

O obxectivo deste encontro é realizar un diagnóstico sobre o impacto da actividade turística no mantemento da función residencial e da rehabitación das cidades históricas Patrimonio da Humanidade portuguesas e españolas. Afondarase nos instrumentos de xestión que faciliten o necesario equilibrio das actividades hoteleiras e hosteleiras e as habitacionais, favorecendo igualmente a convivencia do comercio turístico co comercio tradicional de proximidade. 

Analizarase como o turismo afecta ás cidades Patrimonio da Humanidade

Logo da inauguración, a directora do Centro de Patrimonio Mundial da UNESCO, Anne Marie-Noëlle Tournoux, intervirá a través dun vídeo-presentación. A continuación, a xefa de proxectos na Unidade de Europa e América do Norte do Centro de Patrimonio Mundial da UNESCO abordará os cometidos deste centro de cara a garantir a conservación dos bens declarados Patrimonio Mundial da Humanidade. Pola súa parte, o xeógrafo e economista experto en turismo Juan Requejo Liberal falará da repercusión actual do turismo nas cidades patrimonio. E presentaranse casos concretos de cidades portuguesas e españolas.