A Cámara de Santiago impulsou a creación de 62 empresas que xeraron 82 postos de traballo a través do programa PAEM de apoio empresarial ás mulleres en 2016

O perfil da emprendedora é unha muller de entre 25 e 55 anos con estudos superiores que pon en marcha unha empresa de comercio ou servizos 

 

O Programa de Apoio Empresarial á Muller (PAEM) da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela rexistrou 347 usuarias e 460 demandas de asesoramento, ademais de axudar a crear 62 empresas e 82 postos de traballo asalariado durante 2016, con 53 mulleres e 29 homes empregados.

O PAEM ten como obxecto primordial sensibilizar ás mulleres e ao seu contorno cara o autoemprego e a actividade empresarial e actuar como instrumento eficaz para a creación e consolidación de empresas. A Cámara de Comercio de Santiago desenvolve desde hai máis dunha década este programa específico de apoio empresarial á muller, que demostrou ser “un instrumento eficaz” tanto para crear e consolidar empresas lideradas por mulleres como para fomentar no xénero feminino cualidades como a cooperación e a innovación empresarial e tecnolóxica. O programa naceu a través dun convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Servicios Sociales e Igualdad do Ministerio de Sanidad e a Cámara de Comercio de España, con financiamento do Fondo Social Europeo.

O perfil da emprendedora que acode ao PAEM é o dunha muller de entre 25 e 55 anos, que leva entre un e dous anos sen traballar e que conta con estudos superiores. En referencia ao tipo de actividade polo que opta, lideran o ranking as empresas dedicadas ao comercio e servizos.

O programa apoia calquera fase do proxecto, tanto no inicio da idea empresarial, como na súa posta en marcha e consolidación. Tamén conta con asesoramento en liña desde a páxina web www.e-empresarias.es, onde en menos de 48 horas resólvense as dúbidas expostas polas emprendedoras.

A través do PAEM, as emprendedoras poden acceder a un  microcrédito sen avais de ata 25.000 euros. A Cámara de Comercio de España colabora con Microbank-A Caixa, a través do convenio asinado co Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, para a tramitación de microcréditos sen avais para mulleres. Para iso, as Cámaras de Comercio elaboran coa emprendedora o plan de empresa e axúdanlle a tramitar a solicitude do microcrédito.