Un libro, editado polo Consorcio e Andavira, recolle a historia da Banda Municipal de Santiago dende 1848 ata a actualidade

É unha das bandas máis antigas de España e atópase entre as poucas que perduran dende a súa orixe 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presenta a publicación esta tarde, ás 19:30 horas na Fundación Torrente Ballester

 “La Banda Municipal de Santiago. Música en las compostelanas rúas desde 1848” é unha publicación da musicóloga Beatriz Cancela Montes, editada polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora. Esta tarde preséntase na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. Ao acto asistirá, ademais da autora, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; e a directora de Andavira Editora, Lucila Ventoso. Ao remate da presentación actuará un grupo de vento da Banda.

A publicación é o resultado da tese de doutoramento de Beatriz Cancela. Indica que a Banda Municipal de Santiago é, segundo as súas investigacións, unha das máis antigas do panorama nacional e, logo de máis dun século e medio de vida, atópase entre as poucas que perduran dende a súa orixe ata os nosos días. “Precisamente polo momento que están a pasar as bandas, é necesario coñecer a propia historia, facer balance e poder afrontar todas aquelas decisións que axuden a perpetuar este patrimonio musical, adaptándoo ao século XXI” -manifesta a autora-.

En 1848 a agrupación preséntase á cidade como centro formativo de instrumentistas que pertencían principalmente á Casa Hospicio. En 1876 pasa a depender directamente do Concello, que decide profesionalizala e regulala no que se refire ás condicións de ingreso dos músicos que a constitúen, feito que se evidencia de xeito rotundo no ano 1894.

“Esta precocidade no nacemento da banda de Santiago hai que entendela circunscrita a unha cidade culturalmente moi activa, en particular a través da Catedral e da Universidade. Os compoñentes da capela de música da catedral tiñan un peso considerable na sociedade compostelá, desempeñando dende funcións docentes ata como instrumentistas noutras agrupacións musicais. Pola súa parte, a Universidade favorecía un ambiente musical xove e inquieto” -explica Cancela-.

 

A banda tivo que disolverse entre os anos 1959 e 1964 por problemas económicos do Concello

O libro parte do ambiente musical de Santiago a finais do século XIX, relata a orixe da banda e as diferentes etapas polas que foi pasando ao longo da historia, coas súas épocas de esplendor e as súas crises, incluída a súa disolución entre os anos 1959 e 1964 como consecuencia da mala situación económica que atravesaba o Concello.

Abórdase a importancia da súa presenza na Alameda, nos teatros e auditorios, nos eventos civís e institucionais, nas celebracións relixiosas, nas festas da cidade… así como as súas saídas fóra de Santiago. Faise referencia ás súas tarifas e locais de ensaio, como eran os uniformes, a evolución dos soldos dos integrantes da banda, a organización da agrupación en cada período… Tamén reúne a biografía da vintena de mestres que a dirixiron e a traxectoria dalgúns dos seus compoñentes máis destacados, entre eles o músico Ángel Brage.

A publicación está ilustrada con debuxos, postais e fotografías históricas da cidade e da banda e da súa participación en eventos e festexos, xunto a imaxes máis actuais e outros documentos gráficos como programas e carteis de concertos, partituras…

Juan Miguel Romero Llopis: “Este traballo pretende ser un álbum de fotos sonoras dunha época”

“A Banda Municipal de Santiago de Compostela é a viva imaxe sonora dunha maneira de entender a música en Galicia, a súa lonxevidade nun contorno histórico como é o da cidade de Santiago fana converterse nunha cronista que, paralelamente á cidade, ten vivido os diferentes momentos polos que atravesaron os seus habitantes” -sinala o director da Banda entre 2013 e 2016, Juan Miguel Romero Llopis, no prólogo do libro-.

O mestre explica que “este traballo pretende ser un álbum de fotos sonoras dunha época, fotos en branco e negro, a toda cor, mesmo algunas delas de deficiente calidade ou cheas de manchas como ten sido o longo e intenso camiño que ten realizado esta institución”. E salienta que “para os galegos sempre foi un referente e os músicos que formaron parte dela sempre eran os máis solicitados en Galicia”.