Un libro recolle o fondo fotográfico de Ramón Sánchez Estalote, que retratou a cidade de Santiago durante cinco décadas do século XX

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presenta a publicación esta tarde, ás 19:30 horas no Teatro Principal

Baixo o título “Ramón Sánchez Estalote. Memoria dun tempo”, o Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións acaban de publicar un libro con imaxes do fotógrafo compostelán. A publicación preséntase esta tarde no Teatro Principal, ás 19:30 horas. Ao acto asistirá o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a autora do libro, Mercedes Rozas; o responsable de publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; José Luís Teófilo, de Teófilo Edicións; ademais dos sobriños do autor.

O libro reúne máis de duascentas fotografías de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002). Son tanto reproducións feitas a partir dos negativos como fotos orixinais rescatadas do amplo fondo fotográfico que conserva a familia do autor. Na súa maioría trátase de imaxes en branco e negro, aínda que tamén hai algunha iluminada con cor polo propio fotógrafo.

Mercedes Rozas sinala que “durante preto de cinco décadas Estalote plasmou moitas das secuencias diarias de Santiago de Compostela. A súa historia non é distinta á doutros fotógrafos que retrataron a memoria deste país coa única pretensión de realizar dignamente o seu traballo, entendido este, nas décadas de posguerra, como oficio e non como actividade artística. Nunca apareceu o seu nome unido ás súas fotos, que, comercializadas como postais, foron, en cambio, moi populares na cidade. Ao longo dos anos, centos de viaxeiros e peregrinos voltaban á súa casa co recordo en branco e negro dunha estampa da catedral, do mercado de abastos ou da feira de Santa Susana, captadas por un fotógrafo do que ninguén sabía o seu nome”.

Por fortuna, Estalote gardou o seu arquivo en caixas de zapatos e nunha vella maleta de cartón. Estes fondos, recuperados polos seus sobriños pouco despois do seu falecemento, rubrican de maneira fiel a súa personalidade á hora de enfocar a cámara.

Os detalles biográficos de Moncho, como era coñecido, pérdense nun silencio azuzado polo seu carácter tímido. O tamén fotógrafo Tino Martínez lémbrao como un home solitario, coa súa pequena cámara Leica apostado nunha esquina á espera dalgunha recompensa fotográfica.

Empeza a traballar con tan só catorce anos no tradicional establecemento compostelán de Casa Gamallo, especializado en óptica e fotografía. En 1936 foi chamado a filas; recrutado como fotógrafo, traballou en Burgos para Franco, ao que retratou en varias ocasións. Desta etapa só conservou tres pequenas fotos do ditador e algunha del mesmo con uniforme militar.

En 1947 fixo unha ampla reportaxe da visita de Eva Perón a Santiago

Na posguerra, retoma o seu labor en Santiago, onde realiza diversos retratos de personalidades da xerarquía política e relixiosa, desfiles militares e procesionais ou vistas do estadio de Riazor, ao que acudía os domingos como reporteiro e tamén como membro da Peña Deportivista de Santiago. En 1947 segue paso a paso a visita de Eva Perón a Compostela, cunha reportaxe completa dende a súa chegada ao aeroporto, a recepción oficial nos balcóns do concello e a plantación dunha árbore na Alameda.

Da catedral compostelá ten un amplo abano de imaxes. Mesmo dispón de varios negativos das escavacións levadas a cabo por Chamoso Lamas na década dos cincuenta do pasado século no subsolo da nave central, deixando ao descuberto as trazas da necrópole primitiva. Tamén realizou fotografías aéreas, nos anos sesenta, na etapa na que se amplía a cidade con novos ensanches que empezan a despegarse do núcleo histórico.

Cando se impuxo a cor, tamén probou sorte con ela. As últimas fotografías de Estalote que se conservan son as dedicadas a distintos episodios da chegada da Transición con pancartas políticas colgadas na rúa Senra.

“Un profesional que explorou, de maneira autodidacta, a orixinalidade e perfección do seu labor” -salienta Mercedes Rozas-. As leiteiras, as paisanas que vendían os seus produtos na praza de abastos ou na feira de Santa Susana, a celebración das festas da Ascensión e do Apóstolo, a vida cotiá en Compostela… O seu arquivo consta de centos de negativos e imaxes orixinais en papel, pero non só de Santiago. A súa mirada prolóngase ao rural e tamén a outras cidades como A Coruña e Vigo -onde recolleu a vida dos mariñeiros- e a vilas como Padrón ou Muros.

Estalote “levou a cabo unha obra directa, non manipulada, como a daquel preso que os gardas trasladaban polo aire ao calabozo, a dunha paisana axudando a meter unha vaca nun camión ou a duns cativos baixando as escaleiras da Quintana sobre unha táboa” -manifesta Rozas-. Mantívose activo ata preto de cumprir os noventa anos.