A Cámara de Santiago presentará o vindeiro xoves-22, no espazo Pont-Up Store de Pontevedra, o programa “Eramus para Mozos Emprendedores”

O proxecto facilita a “mobilidade” de novos emprendedores e o intercambio de coñecementos con empresarios experimentados en Europa

Dúas emprendedoras galegas, participantes nunha edición anterior, relatarán a súa experiencia con empresas de Alemaña e Portugal

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presentará o vindeiro xoves, día 22, no marco do espazo de emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra, o programa europeo “Erasmus para Mozos Emprendedores”. Na presentación, que se celebrará na Casa das Campás ás 19:15 horas, a técnico do departamento de Proxectos da Cámara, Belén Mendoza, explicará de forma xeral o programa.

Cun equipo de socios composto por sete países, a Cámara de Santiago axudará na selección e localización de mozos emprendedores cun plan de negocio viable para que adquiran as habilidades necesarias e poidan crear ou dirixir con éxito unha pequena ou mediana empresa en Europa.

Belén Mendoza sinala que o programa facilitará e mellorará a “mobilidade” dos novos emprendedores e a participación de empresarios experimentados como empresas de “acollida”. No caso de noveis ou potenciais emprendedores, sinala que, para optar á axuda, que varía de contía segundo o país de destino, é preciso que a súa empresa non teña máis de tres anos, que o emprendedor fale un segundo idioma e que sexa residente permanente nun dos 37 países participantes.

Start-up de referencia no turismo creativo e industrial en España

Ademais, dúas emprendedoras galegas, a viguesa Sandra Touza e a santiaguesa Margarita Murillo, ofrecerán o seu testemuño na xornada do Pont-Up Store relatando a súa experiencia na última edición do programa “Erasmus para Mozos Emprendedores” e o seu intercambio de coñecementos co mentor empresarial.

Cunha empresa de nova creación centrada no sector do turismo, Sandra Touza pretende reforzar a presenza empresarial de “Ponle cara al turismo” e decide participar en 2013 no programa europeo. Viaxa a Alemaña para establecer contacto cunha empresaria experimentada nos sectores da hostalería, restauración, turismo, servizos de asistencia ao viaxeiro e benestar, Ulrich Schmunkamp.

Segundo Touza, a empresa de acollida, chamada “The Dollard Route” e adicada á comercialización de viaxes e experiencias en barco polo río Dollard, facilitoulle a formación emprendedora, empresarial, institucional e comercial desde o primeiro momento, con acompañamento en cada proxecto. “Esta experiencia foi fundamental para poder coñecer máis de cerca o percorrido da outra empresa a nivel internacional e ir incorporando estratexias, metodoloxías e competencias a miña propia experiencia como emprendedora e empresaria” –sinala–.

Definitivamente, Sandra Touza considera que o programa é unha plataforma idónea para dar a coñecer ás empresas participantes a nivel internacional, conseguir contactos a nivel europeo, ofrecer visibilidade e promoción, e crecer a nivel profesional e persoal. “Xeramos oportunidades empresariais con Holanda, concretamente con touroperadores especializados e axencias de viaxes cunha filosofía responsable, sostible e que apoian outra forma de facer turismo buscando a implicación do viaxeiro no destino a través de actividades de integración e participación” –indica–.

Hoxe en día “Ponle Cara al Turismo” é unha das consultoras de referencia do turismo creativo e industrial en España, realizando proxectos de dinamización e desenvolvemento local por todo o territorio nacional para institucións, concellos e empresas.

Servizos educativos e de formación

Igualmente, a emprendedora Margarita Murillo decide inscribirse no programa para expandir o seu negocio “Galicia Protocolo”. Contactou cunha empresaria portuguesa, Ana Bela Cabral, coa que compartiu durante tres meses experiecias empresarias da súa firma de sevizos educativos e de formación “Gabinete ABC”. “A experiencia foi moi positiva e actualmente continúo tendo unha magnífica relación profesional, e tamén persoal, coa empresaria de acollida” –manifesta–.

Murillo explica que no programa aprendeu a poñer o foco nunha perspectiva empresarial, que ata a data como empregada por conta allea nunca tivera a ocasión de facer. Para “Galicia Protocolo” a experiencia serviu para o desenvolvemento de ferramentas e perspectivas de xestión.

Inscrición á xornada do Pont-Up Store de Pontevedra: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&P=230&ncurso=6022016#.V9prvzWbdKp

Máis información do programa: http://www.erasmus-entrepreneurs.eu/?lan=es