A Cámara de Santiago postúlase como candidata para participar en catro proxectos europeos de innovación empresarial no Arco Atlántico

Céntranse en desenvolver novos procesos para a internacionalización das pemes, a economía da terceira idade, o turismo urbano e do Camiño de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presentou a súa candidatura para participar en catro novos proxectos europeos, no marco do programa de cooperación transnacional Interreg e en concreto na primeira convocatoria do Espazo Atlántico para o período 2014-2020. As catro candidaturas da Cámara de Santiago resolveranse no mes de setembro.

As propostas preséntanse a través dun sistema de solicitude de dobre fase. Nesta primeira fase preséntase unha “expresión oficial de interese” na que se fai unha breve introdución do partenariado que formaría o proxecto e unhas liñas xerais dos seus obxectivos, o orzamento marcado e as accións concretas definidas por socio. Nunha segunda fase, analízase a calidade das propostas e o presuposto existente para a súa execución.

Innovación para a internacionalización no Espazo Atlántico

A Cámara presentouse ao proxecto “PAT: Promoción do Talento Atlántico” nun consorcio de doce membros, liderado pola Axencia Rexional de Desenvolvemento e Innovación da Bretaña francesa, a Escola de Comercio de Nantes, a entidade pública Fomento de San Sebastián, a Câmara Municipal de Faro, a ONG Aporvela, a Câmara Municipal de Lisboa, a Cámara de Comercio de Cork, a Escola de Negocios da Universidad de Ulster e a cidade de Plymouth no Reino Unido, e a Conferencia de Cidades do Arco Atlántico con sede en Rennes.

O proxecto PAT busca mellorar a capacidade de innovación do Espazo Atlántico por medio da capitalización dos talentos como impulsores conxuntos da innovación. Baséase en estratexias de promoción para demostrar o valor económico compartido polos territorios, a implicación dos cidadáns e pemes e a posibilidade de globalizarse para aumentar as fortalezas do sector económico e crear “masa crítica” para colocarse no mercado internacional. A Cámara de Santiago traballará máis neste último pilar da globalización, realizando tarefas centradas na promoción e desenvolvemento da internacionalización das pemes.

Innovación para o turista

Outro proxecto ao que se presenta a Cámara é “INRECITO: Innovando no comercio para reforzar o turismo na cidade”. Busca impulsar a innovación no sector do comercio coa finalidade de impactar de modo positivo no atractivo dos centros das cidades para o turista.  Liderados pola Câmara Municipal de Loulé (Portugal) participan socios españois –Concello de Pamplona, Cámara de Comercio de Sevilla, Sociedad de Desarrollo de Santa Cruz de Tenerife– o irlandés Cork City Council, os franceses Laval Mayenne Technopole e Caen Metropole, e o inglés Manchester Metropolitan University.

O proxecto facilitará a transferencia de coñecemento entre os comerciantes, investigadores, autoridades locais e consumidores nas cidades socias a nivel local e transnacional. Buscarase axudar aos comerciantes en distintas áreas: identificación das necesidades dos clientes, innovación no deseño dos espazos, da disposición do produto e dos sistemas de pago e entrega, mellorando a experiencia do cliente, tanto en tenda como online, de modo que se poida aumentar a eficiencia dos recursos e a rendibilidade dos negocios.

Avellentamento activo e saudable

Un proxecto inusual, chamado “ScaleUpSilver” e impulsado pola Deputación de Bizkaia, ten como obxecto impulsar a innovación e a diversificación económica mediante o desenvolvemento de novas oportunidades de negocio ao redor da “silver economy” ou economía da terceira idade. Pretende promover a creación de start-ups no ámbito do avellentamento activo e saudable da poboación e a súa internacionalización no Espazo Atlántico. No caso de ser escollida para participar como socia no proxecto, a Cámara de Santiago fomentará o impulso de empresas innovadores enfocadas a cubrir as necesidades das persoas maiores. Participan ademais o Instituto Tecnológico de Canarias, o Cork County Council e o Cork Institute of Technology de Irlanda, oTech Quimper de Francia, Stockport Council e Enterprise North West de Reino Unido, e o BIC Madeira e a Cámara de Comercio Centro de Portugal.

Dinamización socioeconómica do Camiño de Santiago

Ademais, a Cámara de Santiago opta a participar no proxecto “CCC: Connected Cultural Camiños” que pon en común a entidades pertencentes a rexións e cidades que se atopan situadas en rutas culturais e patrimoniais de Europa, especialmente dos Camiños. É un proxecto cun marcado compoñente de promoción turística, liderado en Galicia por Turismo de Galicia, e con socios irlandeses, ingleses e portugueses. O papel da Cámara de Santiago centrarase na dinamización socioeconómica do Camiño de Santiago na contorna compostelá.

O proxecto pretende desenvolver o potencial económico e turístico das rutas de longa distancia nos camiños utilizados polos peregrinos desde as súas orixes, poñendo en relación lugares arqueolóxicos e culturais de gran valor patrimonial. Deseñaranse paquetes turísticos piloto que proporcionarán emprego sostible ás pemes e provedores de servizos culturais e de hostalería. Tamén busca incrementar o valor e o perfil dos camiños internacionais promovendo a sostibilidade e conectando destinos emblemáticos con áreas despoboadas e cunha alta taxa de desemprego.200px-Atlantic_Arc