O Foro Cívico Empresarial reclama un proxecto “de cidade” para a estación intermodal, consensuado por toda a Corporación municipal de Santiago

Considera que o convenio marco subscrito onte é só un documento de “boas intencións” que non asegura a consecución futura das obras ao non dispór dun proxecto único, cun orzamento e calendario definidos

Carlos García Cumplido, voceiro: “A intermodal é unha oportunidade histórica ao ser a infraestrutura máis importante para Santiago nos vindeiros 50 anos”

O Foro Cívico Empresarial celebrou o pasado mércores-15 unha reunión á que asistiron os representantes dos catro grupos da Corporación municipal –Jorge Duarte (Compostela Aberta), Agustín Hernández (PP), Francisco Reyes (PSOE) e Rubén Cela (BNG)– para expoñer a súa posición e valoración sobre o convenio marco subscrito coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e Adif para o desenvolvemento da estación intermodal e o seu contorno urbano en Santiago de Compostela.O Foro amosa a súa preocupación a vista do contido do convenio marco de colaboración, asinado na mañá do mércores en Raxoi, que, ao seu parecer, é só un documento de “boas intencións” no que non se asegura a consecución futura das obras na súa segunda fase ao non dispór dun proxecto único, cun orzamento e calendario definidos. Ademais, o colectivo lembra que o proceso prolongarase finalmente ata que se consiga a condición marcada por Adif para executar a ampliación da obra, a cifra dos 3,5 millóns de viaxeiros ao ano, que segundo as previsións nos se alcanzaría ata dentro de sete ou oito anos.

Ademais, o Foro considera que esta obra non é unha simple estación, nin dúas estacións comunicadas entre si, senón que a estación intermodal de Santiago será a porta de acceso para o visitante á capital de Galicia, polo que se converte nunha infraestrutura estratéxica para a cidade. “A intermodal é unha oportunidade histórica ao ser a infraestrutura máis importante para Santiago nos vindeiros 50 anos” –cualificou o voceiro do Foro, Carlos García Cumplido–.

O colectivo asegura que, ademais de conseguir unha intermodal de transporte de viaxeiros en autobús e ferrocarril integradas, modernas, funcionais e eficientes, o proxecto deberá permeabilizar a barreira das vías do tren e conectar por fin os barrios de Sar e Pontepedriña co Ensanche e o centro da cidade. Para alcanzar este obxectivo, o Foro asegura que se precisa un proxecto de cidade, consensuado de forma unánime pola Corporación municipal, é dicir por todos os composteláns.

Neste punto, o Foro solicita aos catro grupos municipais que asuman publicamente que esta obra é un proxecto de cidade,  e que acaden un punto de encontro e unha posición común na súa defensa para que Santiago teña a intermodal que necesita cara o vindeiro Ano Xacobeo.

Actualmente, o Foro indica que, cos compromisos adquiridos polas diversas Administracións públicas implicadas na sinatura do convenio marco, non ten a sensación de ter o mellor proxecto para o futuro da intermodalidade en Santiago. “Temos unha estación de autobuses nova onde decidiu Adif, conectada cunha pasarela descuberta coa estación de tren, na que só se adaptan as plataformas á entrada do AVE. Despois de investir miles de millóns no AVE, de prever un investimento tamén millonario na intermodal, ninguén entendería que a comunicación entre o Hórreo, as estacións e o vial Clara Campoamor se faga cunha pasarela descuberta” –explica García Cumplido–.

Integrantes Foro: Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria, Vicus Francorum e o Colexio Maior A Estila.