O grupo teense Deseqilibrio mental gaña a primeira final do MúsicaXove na categoría de metal

Deseqilibrio_Mental
A seguinte cita será o venres-7 de maio cos grupos de pop-rock: Belöp,  Por placer e Frab Fly

Esta noite o grupo compostelán Dirty Sock actuará ao final do partido do Rosalía, ás 22:15 horas, nunha alternativa de ocio nocturno para os máis novos que mestura deporte e música


Na noite de onte os fans do metal puideron escoitar ás novas promesas do estilo musical que emerxen en Galicia nun concerto na Sala Capitol no que participaron tres grupos da zona de Compostela,  Deseqilibrio Metal (Teo), Nightcrawler (Santiago) e Empezar de Zero (Lalín-Arzúa), na primeira final da terceira edición do MúsicaXove’10, certame organizado pola Concellaría de Xuventude.
Este grupos, ademais de tocar nun local tan recoñecido en toda Galicia e a nivel estatal como é a Sala Capitol, competían por gañar este certame e así gravar un CD conxunto co resto de modalidades musicais a concurso. Finalmente, o resultado foi o seguinte: en terceiro lugar situouse Empezar de Zero, que recibiu os 500 euros de premio, e en segundo posto Nightcrawler, con 1.000 euros de recompensa. O gañador na categoría de metal foi Deseqilibrio Mental que, ademais de recibir os 2.000 euros, participará na gravación do traballo discográfico do certame.

A segunda e última fianal do Músicaxove´10 será o venres-7 de maio, cando competirán tres grupos na categoría de pop-rock, Belöp (Redondela), Por placer (Vigo) e Frab Fly (Santiago).

Festa musical no último partido do Rosalía

Esta noite o Departamento de Xuventude poñerá música ao último partido do Rosalía, coa actuación ao final do encontro contra o Córdoba do grupo compostelán Dirty Sock, nunha combinación de deporte e música deseñado exclusivamente para potenciar un ocio alternativa para os máis novos. O partido comezará ás 21:00 horas no pavillón do instituto e o concerto está previsto que comece sobre as 22:15 horas.

Dirty Sock é unha banda composta por catro rapaces de só dezaoito anos que gañaron en 2009 o MúsicaXove na categoría de pop-rock. Cunha música fresca e actual conseguirán animar, se cabe aínda máis, ao público do pavillón.

Con esta actuación, o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, quere destacar o labor de promoción do seu departamento cos grupos musicais do Locais Municipais de Ensaio, situados no Estadio de San Lázaro. Neste espazo, os rapaces dispoñen de dúas salas independentes onde contan co material básico para compoñer e tocar os seus temas. Tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas.

Con estes concertos promocionais pretendemos consolidar a oleada de grupos que neste momento hai en Compostela, de xeito similar ao que aconteceu nos 60 en USA e en España ou nos 80 en Vigo e Madrid, onde os grupos daban o salto de calidade e compromiso definitivos cando conseguían concertos ou gravaban o seu disco. “O obxectivo é converter a Santiago no centro musical por excelencia da música emerxente galega”, –indicou o concelleiro.