O Consorcio de Santiago participa nun proxecto da Unión Europea para mellorar a xestión da auga nas cidades, en especial nas de valor patrimonial

Comisión Executiva do Consorcio de SantiagoSupón un investimento superior aos 2,6 millóns de euros, cun financiamento europeo do 60%

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Durante a xuntanza esbozáronse posibles liñas de actuación para o presuposto de 2016.

Entre os temas abordados na Comisión destaca a presentación do proxecto LIFE SANTIAGH2O á convocatoria LIFE Environment & Resource Efficiency da Unión Europea. O proxecto, centrado no tratamento das augas de escorrentía, en especial a través da mellora da xestión do ciclo urbano da auga, proporcionará orientacións e recomendacións para a mellora da xestión da auga nas zonas urbanas en xeral e nas cidades con valor patrimonial en particular.

Este proxecto supón un investimento superior aos 2,6 millóns de euros, cun financiamento europeo do 60 %. O LIFE, programa que financia experiencias piloto medioambientais en distintos campos, é un dos máis selectivos dos convocados pola UE, pero os socios deste proxecto confían en que a proposta dun novo modelo hídrico e as súas probas piloto nunha cidade patrimonio como é Santiago de Compostela, merecerán a consideración do organismo europeo.

Os socios deste proxecto, liderados polo Concello de Santiago, son o propio Consorcio da Cidade, a Universidade da Coruña a través do seu Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medioambiente, xunto coas empresas VIAQUA e AQUATEC; apoiados por outras moitas entidades e organizacións que valoran o interese desta iniciativa como o Ministerio de Fomento e a Universidade Politécnica de Madrid.

Na busca dun modelo hídrico máis sostible e beneficioso para a cidade

Tal como explican dende o Consorcio, o obxectivo deste proxecto é reformular o modelo hídrico da cidade para dirixilo cara a un modelo máis sostible, beneficioso para Compostela, en especial nos seus tecidos históricos, de maneira que a cidade sexa capaz de enfrontarse aos retos que supón o cambio climático.

O modelo ten en conta as consecuencias do cambio climático

Os técnicos do Consorcio indican que a implantación de modelos hídricos urbanos sostibles implica adaptar as actuais tecnoloxías (de aforro, de eficiencia, de reciclaxe, de depuración…) para unha realidade urbana marcada polo seu carácter patrimonial. Ademais, deberán axustarse ás futuras demandas urbanas da auga no marco das consecuencias locais do cambio climático.

“Un dos elementos clave nun modelo hídrico sostible é a xestión da auga de escorrentía e a súa relación co espazo público, o seu aproveitamento en funcións urbanas, así como as condicións do seu retorno ao medio natural. Máis aínda cando a cidade tradicional -e Santiago é un exemplo- dispoñía dun modelo de xestión e aproveitamento desas augas que implicaba non só a rúas e prazas, senón tamén aos espazos verdes, que aínda hoxe perduran” -sinalan os técnicos do Consorcio-.

O proxecto LIFE SANTIAGH2O diríxese de maneira específica a demostrar a viabilidade social, técnica, económica e ambiental dun Deseño Urbano Sensible á Auga (DUSA) e á instauración dos sistemas TDUS (Tecnoloxías de Drenaxe Urbana Sostibles), tendo en conta que o uso deses sistemas en cidades patrimoniais ten requirimentos concretos.