O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella escoller e coidar as botas de esquí para evitar lesións nos pés

botaesquOs expertos recomendan probar as botas durante vinte minutos antes de mercalas para comprobar a súa comodidade

O Colexio de Podólogos de Galicia ofrece unhas indicacións básicas para usar corretamente as botas de esquí e evitar lesións nos pés. As botas de esquí son complexas e, cando se levan postas, os pés non cumpren as súas funcións morfolóxicas e técnicas habituais. Os podólogos galegos aconsellan escoller e coidar o material de esquí para que os pés non sufran lesións. Dentro da bota de esquí o pé está enclaustrado e transmite unhas presións e unhas reaccións da extremidade completa que lle son totalmente anómalas. “O pé debe estar en perfetas condicións dentro da bota para evitar alteracións que poden provocar accidentes ou converterse en lesións, revisando a bota e a súa fixación” –explican os expertos–.

Como en calquera deporte, quentar antes de practicar esquí é básico. Outra das recomendacións dos profesionais está relacionada coas plantillas. As persoas que usan plantillas ao camiñar, tamén deben utilizalas coas botas de esquí, sobre todo segundo as deformidades dos pés, posto que a súa ausencia podería xerar sobrecargas que empeorarían a alteración podolóxica. Tampouco se debe esquecer a importancia de vestir calcetís axeitados para esquiar, dun grosor determinado, e de utilizar as proteccións dos nocelos.

Cando se mercan as botas de esquí, os especialistas aconsellan telas postas durante vinte minutos para ver que o pé esté cómodo. Segundo indican os podólogos galegos, isto acontece porque co paso do tempo e o aumento da temperatura dentro da bota os materiais adáptanse á morfoloxía do pé.

Á hora de practicar esquí, outro dos consellos que hai que seguir é reabrocharse as botas cada pouco tempo para evitar que se desaxusten cos movementos e os cambios de volume dos pés. Ademais, as botas sempre deben gardarse ao abrigo na habitación por exemplo, pero xamais deixalas no maleteiro do coche porque “esquiar cunhas botas frías pode producir lesións ao día seguinte”.