Unha ollada do fotógrafo Vari Caramés retrata obras do arquitecto Carlos Quintáns

Son imaxes dos arredores da Coruña, Paderne ou Barreiros que narran a inserción da arquitectura nunha paisaxe galega caracterizada pola temperatura e a humidade

As fotografías expóñense nunha mostra na Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos ata o 11 de abril

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (rúa Federico Tapia, 64) inaugurará esta tarde, ás 20:00 horas na súa sala de exposición, a mostra de fotografías “Paisaxes Próximas”, onde se recollen imaxes de obras do arquitecto Carlos Quintáns tiradas polo fotógrafo Vari Caramés. Ao acto de inauguración asistirán o tesoureiro da delegación, Jorge Meijide, e a secretaria da institución, Concepción García.

Esta mostra de paisaxes próximas é unha nova colaboración entre a Libraría Formatos e a Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, como unha especie de anexo a unha exposición titulada “Dúas Casas” que alberga a libraría os mesmos días (Avda. Fernández Latorre 5-9). As paisaxes próximas son unha ollada a algunhas obras do arquitecto muxián Carlos Quintáns, a través da cámara do fotógrafo ferrolán Vari Caramés.

Trátase dunha mostra que recolle imaxes de sensacións, máis que unha estrita narración e explicitación coas formas habituais que ten a fotografía no mundo da arquitectura. Vari Caramés tratou de transmitir sensacións a través de imaxes concretas ou difusas, que queren capturar o esencial. “Todo se intúe pero non se amosa explicitamente. Son fotografías que destacan a inserción das obras arquitectónicas nunha paisaxe que non pode abandonar a temperatura e a humidade que a caracteriza, e en definitiva imaxes que queren mostrar a arquitectura, como disciplina que dá refuxio á vida –sinala Quintáns–.

As obras que aparecen reflectidas son casas en Paderne, no Courel; no municipio lucense de Barreiros; en Gandarío e Miño, preto da Coruña; e no centro social de Eirís da Coruña.

Vari Caramés é un fotógrafo natural de Ferrol, pero afincado desde novo na Coruña, recoñecido con importantes premios como o VII Premio Internacional Pilar Citoler de 2013 e outros moitos que o converteron nun dos referentes da fotografía actual. Cunha identidade propia e cun traballo coherente  que o caracteriza, reúne nestas fotografías unha magnífica narración ordenada, clara e precisa dun conxunto de obras que exhiben unha forma de achegarse do seu autor, Carlos Quintáns, á inserción da arquitectura nunha paisaxe tan característica como a galega.