O Colexio de Arquitectos de Galicia visou 3.446 vivendas o pasado ano, un 26 por cento menos que en 2011, con actuacións máis pequenas e de menor custo

duarte12Jorge Duarte, decano

“Reivindicamos unha aposta clara e definida polas axudas á rehabilitación por parte das administracións”

Solicita unha Lei do Solo estable e duradeira creada polo consenso das forzas políticas

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, presentou esta mañá os datos e a publicación sobre a Evolución da actividade de visado de proxectos e estado urbanístico das comarcas e concellos de Galicia, no segundo semestre de 2012 e acumulado do semestre anterior. Os datos de visados axudan a anticipar a actividade construtiva que se pode realizar nun futuro inmediato, xa que representan o número de vivendas que nos próximos meses se poderán executar de novo ou rehabilitar nos diferentes concellos galegos, logo de conseguir a correspondente licenza municipal de obra.

O Colexio pechou 2012 cun mínimo histórico marcado por un total de 3.446 vivendas visadas en Galicia –1.650 no primeiro semestre e 1.796 no segundo–, un 26,47% menos con respecto ao 2011 cando se visaron 4.687 vivendas. Este informe axuda a obter unha imaxe nítida do panorama construtivo galego, indicando que a recuperación non parece chegar e que se continúa nun ciclo de peche na expansión das cidades, unha oportunidade para realizar operacións de remate das pezas urbanas, traballos de rexeneración urbana e mellora das condicións de edificacións e o mantemento do parque edificado.

Segundo o informe estatístico, a actividade de visado colexial rexistrou un incremento no número de actuacións en vivendas novas ou rehabilitadas do 9% con respecto ao primeiro semestre de 2012, pero hai unha baixada na contía económica e na superficie de ata un 7%. Jorge Duarte explicou que este informe non revela mensaxes positivas para o sector e que nestes momentos a entidade continúa a ser pesimista. O medo á crise económica, o sobrante de vivendas pendentes de vender, o stock de vivendas en mans das entidades bancarias polos impagos hipotecarios e a práctica desaparición do crédito bancario non anima aos inversores a promover novas actuacións de vivenda colectiva, o verdadeiro motor económico do sector da edificación. “A desconfianza nos mercados e a falta de liquidez fan que este período total no sector se prolongue máis do desexable, pois os números seguen sendo moi baixos, xa que o ano 2012 completo rexistra valores porcentuais de só o 12% respecto da cifra media anual destes últimos doce anos que foi de 27.201 vivendas/ano, e cunha cantidade moi inferior aos 46.881 visados tope de vivenda contados no 2006” –salientou Duarte–.

A pesar de non haber indicios de mellora, o decano resaltou como obxectivo primordial volcar a mirada na cidade xa construída con actuacións de rexeneración urbana, proxectos de rehabilitación, con obras de menor investimento centradas na accesibilidade e habitabilidade de vivendas dos anos 50 e 60. Actualmente, o stock en Galicia está cifrado nas 46.000 vivendas, un dato heteroxéneo segundo o punto xeográfico. As cidades non presentan vivendas baleiras e mesmo demandan vivendas de nova construción. Pola contra, zonas da Mariña lucense ou do Barbanza teñen gran cantidade de edificacións en desuso polo auxe da segunda vivenda.

Ourense desplómase con tan só 307 vivendas visadas

Por provincias, o número de vivendas visadas en 2012 na Coruña foi de 1.467, o que supón un 42,57% do total visado na comunidade. En segundo lugar atópase a provincia de Pontevedra, con 1.179, sumando un 34,21% do total de Galicia. O terceiro posto é para a provincia de Lugo que rexistrou 493 vivendas visadas –con 281 no primeiro semestre e 212 no seguinte período, representando un 14,30% do visado final de vivenda–. E finalmente Ourense con tan só 307 –123 no primeiro semestre e 184 no segundo, o que supón un 8,90% do cómputo global–. Os datos da provincia de Ourense coinciden co desplome das cifras correspondentes a súa capital, debido á crise económica e á anulación do seu PXOM do ano 2003. Por esta desaparición practicamente total da vivenda colectiva na cidade, a provincia de Ourense marcou o máximo porcentaxe de vivenda unifamiliar ao situalo nun 76,09%.

Nas sete cidades galegas o número de vivendas visadas polo Colexio de Arquitectos aínda é discreto. Destacan en negativo Ferrol, con 41 vivendas visadas, as 47 de Ourense e as 80 vivendas de Pontevedra.  No resto das cidades contáronse os seguintes rexistros de vivendas visadas: Lugo, 140 vivendas, A Coruña 200, Santiago con 278 e Vigo con 318, a cidade con mellor comportamento no segundo semestre.

Consolidación do visado de rehabilitación

En canto aos proxectos de rehabilitación, o Colexio de Arquitectos rexistrou 950 vivendas en 2012, alcanzando na totalidade do ano un valor do 27,52%, superior nun 14 % as 829 vivendas rehabilitadas ao longo do ano 2011, pero continúa sendo inferior ao número de vivendas rehabilitadas na década pasada na que a cifra máis baixa fora a de 2010 con 1.154 vivendas rehabilitadas.

Neste punto, Jorge Duarte reclama a necesidade de aumentar as axudas das administracións para fomentar a rehabilitación. “Reivindicamos unha aposta clara e definida polas axudas á rehabilitación por parte das administracións. Igual que hai axudas ao sector do naval ou o da automoción cun plan PIVE para fomentar o cambio de vehículos, debe existir un compromiso claro da Administración coa rehabilitación, a través de axudas para os propietarios que permitan manter o emprego no sector da construción, porque é na rehabilitación onde se require maior man de obra en comparación co investimento noutros sectores” –indicou Duarte–. Ademais, puntualizou que se precisan axudas integrais para a rehabilitación que permitan incentivar obras de rexeneración urbana, accesibilidade, habitabilidade e con eficiencia enerxética.

Pola súa parte, a vivenda de protección oficial é case nula, xa que se visaron no último ano 41 vivendas, o que representa un 1,19% do total das promocións, o dato máis baixo rexistrado nos últimos doce anos. En canto á vivenda colectiva, o Colexio de Arquitectos sumou o pasado ano 1.288 vivendas (representa un 38% do total), dato que verifica o descenso con respecto ao 77% de media alcanzado entre 2000 e 2007. En relación á vivenda familiar, visáronse 2.158 unidades en 2012, o que sitúa a esta tipoloxía de vivenda cun 62% do total, o dato máis elevado dos últimos doce anos.

Un 15% dos concellos de Galicia non visaron ningunha vivenda

Foron 49 os concellos que non visaron ningunha vivenda durante 2012, un 15% do total dos concellos galegos; a maior parte deles corresponden ás provincias de Ourense (28) e Lugo (15). Sobre o planeamento urbanístico, en 2013 só se realizaron nove planeamento 67 concellos están actualmente adaptados á Lei do Solo, pero a situación aínda está sen normalizar posto que outros 62 concellos están sen planeamento ou o teñen suspendido ou anulado, outros 60 xa comezaron a redactalo e só dous municipios carecen de planeamento e non o están a elaborar. “É necesario unha Lei do Solo estable e duradeira, que protexa o medio no que vivimos, e que xorda do consenso de todas as forzas políticas, fóra das cuestións electoralistas” –destacou Duarte–. Ademais, explicou que se precisa un planeamento máis sinxelo que non queira abarcar todo, con plans adaptables á complexidade urbanística de cada concello que aposten pola calidade urbanística.