A Cámara de Comercio de Santiago abre vías comerciais con Chile e Perú para trece empresas galegas

construccinFernando Pérez- Soba, técnico de internacionalización:

“As exportacións galegas a Perú incrementáronse o pasado ano case un 62 por cento e a Chile un 45 por cento”

Esta acción de internacionalización está programada para os próximos días no marco do Plan Foexga

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela organiza os  próximos días (20-28 de abril) unha misión comercial directa a Chile e Perú, na que participarán trece empresas galegas, que viaxarán acompañadas pola técnico de internacionalización da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Pérez-Soba. Esta misión comercial enmárcase no Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia coa participación de todas as Cámaras galegas a través de Fondos Feder.

As empresas participantes pertencen aos sectores de servizos como a formación, asesoría comercial e industrial, alimentación, maquinaria pesqueira, avituallamento  para o sector naval, materiais de construción e produtos funerarios.

Chile e Perú son países que se converteron en mercados especialmente recomendables para as empresas españolas, que son o primeiro inversor a nivel mundial en ambos estados, superando ás empresas estadounidenses. Ademais, son mercados moi accesibles, cunha normativa de comercio exterior liberalizada, polo que non existen obstáculos significativos para a entrada de produtos españois. O crecemento do PIB ronda o 6%, a demanda privada comprende bens de consumo e de equipo e a confianza empresarial é elevada, o que se reflicte en crecentes ratios de investimento estranxeiro e de importacións. “As exportacións galegas a Perú incrementáronse o pasado ano case un 62 por cento e a Chile un 45 por cento” –apuntou Pérez- Soba–.

Segundo o técnico cameral, hai grandes oportunidades para sectores como as infraestruturas de transportes (aeroportuario, portuario e vial), auga e saneamento, enerxía e minaría. As rexións destes países, onde se explotan os seus abundantes recursos  naturais, están necesitadas de infraestruturas de todo tipo, polo que existe capacidade de compra.