O Colexio de Arquitectos clausura mañá Metaxénesis, unha mostra da nova arquitectura galega que recolle vinte proxectos

cantinaHaberá unha conferencia de tres estudios composteláns participantes na exposición e un debate sobre o estado actual da profesión, moderado por Xerardo Estévez

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia clausura mañá martes, 18 de setembro, ás 19:45 horas a mostra Metaxénesis. Nova Arquitectura de Galicia, exposta na sede colexial da Casa da Conga desde o 19 de xullo. Ademais, celebraranse unha serie de conferencias da man dos estudios composteláns AsendeQuintáns, Arrokabe Arquitectos e Estudio Nómada, participantes na mostra. Despois da súa exposición individual terán lugar unha mesa redonda e un debate moderado polo arquitecto Xerardo Estévez sobre estes traballos arquitectónicos e o estado actual da profesión desde a perspectiva de Santiago de Compostela. Ao acto tamén asistirán a presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ana Domínguez Laíño, e os comisarios da exposición Carlos Mosquera e Alberte Pérez.

A mostra, patrocinada polo Colexio de Arquitectos de Galicia e organizada polos arquitectos do estudio coruñés Trespes –Carlos Mosquera e Alberte Pérez–, Felipe Trillo e Ana Amado, recolle vinte traballos de dez arquitectos ou equipos de profesionais seleccionados a partir dunha convocatoria aberta á que se presentaron máis de 200 obras. Debido a cantidade e calidade das propostas decidiuse ampliar o proxecto Metagénesix apoiándose no programa cultural da Librería Formatos, ‘Intemción’, para dar voz a outros vinte arquitectos que agrupados impartiron charlas temáticas, “Oportunidades, Vivenda +, Espazo Dotacional, Rehabitación, Espazos de Atención”, e expuxeron as súas obras na libraría durante a edición de 2011. Todas estas obras están recompilados nun catalálogo.

Programa

19:45 horas_Presentación do equipo de Metaxénesis

Carlos Mosquera e Alberte Pérez, arquitectos e comisarios da mostra

20:00 horas_ AnsedeQuintans Arquitectos

20:15 horas_Arrokabe Arquitectos

20:30 horas_ Estudio Nómada

20:45 horas_Inicio do debate, moderado por Xerardo Estévez

21:30 horas_ Remate

Obras dos tres estudios participantes nas conferencias:

Cristina Asende e Carlos Quintáns. AsendeQuintáns Estudio

Parque de San Fructuoso en Santiago de Compostela: a proposta formúlase por unha parte como reacción á escala dos edificios que a rodean, creando estancias de menor tamaño nas que se propicien reunións de pequenos grupos nas que unha soa persoa se poida atopar a gusto. Xorde este desexo de contraposición ao carácter das prazas próximas, Obradoiro ou a Quintana, nas que se poden celebrar xuntanzas multitudinarias e tamén en relación coa escala do muro do Concello de case trinta metros de altura.

Exposición de Arquitectura Gran de Area: os premios Gran de Area, convocados polas Delegacións de Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, concédense a proxectos que están en obra ou aínda non se comezaron a construír. Asende e Quintáns escolleron para esta exposición unha montaxe cun espazo interior, independente do existente, con tubos de electricidade e puntais, explotando a cualidade material e expresiva que estes elementos teñen e que só pode ser visible en momentos puntuais da obra. Preséntase ademais unha montaxe efémera real, é dicir, que non só sexa efémera porque dura pouco tempo, senón porque o material chegue, se use e vaia como chegou, neste caso continuando o seu camiño cara a unha obra. Os tubos que se usaron nesta exposición son parte agora mesmo das arterias que abastecen de electricidade á nova sede da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos.

Óscar e Iván Andrés. Estudio Arrokabe

Rehabilitación de edificación para Escola de Deportes Naúticos de Abelleira (Muros): a intervención céntrase na recuperación dunha edificación e o espazo contiguo. Trátase dun contorno híbrido, mestura de natureza e  artificio, un lugar de oportunidade para o desenvolvemento do público. Hai que ter en conta que é un enclave moi senlleiro e de indubidable valor paisaxístico e ecolóxico.

Vivenda unifamiliar A Sionlla (Santiago): trátase dunha vivenda adaptada, resolta toda ela nunha única planta. A forma da vivenda resposta tanto ás reducidas dimensións e aos novos límites da parcela tras a cesión, como á procura da mellor orientación para as diferentes estancias.

José Antonio Vázquez, Elena Montero e Enrique de Santiago. Estudio Nómada

Adegas. Dominio do Bibei (Ourense): coa premisa de que as adegas dialogasen coas preexistencias naturais, os arquitectos buscaron a súa integración completa fragmentando os distintos edificios e distribuíndoos na forte pendente de xeito graduado, realizando unha construción segundo o sistema tradicional en desniveis.

Cantina da Cidade da Cultura de Galicia: a intervención ubícase en dous locais anexos no Arquivo de Galicia para o seu uso como cafetería e tenda. Pretende conectar os dous ámbitos a través de sendos ocos que furan o grosor do muro que os delimita, mantendo a separación de ambos espazos, pero permitindo o seu uso e xestión compartidos coma nos bares tradicionais. Recentemente recibiron o máximo galardón dos "Restaurant & Bar Design Awards", prestixiosos premios internacionais do deseño de establecementos hostaleiros.

Esta mostra está patrocinada polo Colexio de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Lledó iluminação e o Concello de Ourense, e conta coa colaboración e o apoio de Difusora de Letras, Artes e Ideas, e Libraría Formatos, entre outros. Máis información en www.metagenesix.blogspot.com