Dezaseis concertos do 11 ao 20 de abril na VIII edición do Festival de Músicas Contemplativas

‘Tradición, diálogos e raíces’ é o lema condutor dun amplo programa cheo de música espiritual, sacra e de raíz

• Foi presentado esta mañá polo alcalde compostelán, Ángel Currás; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou

O Festival de Músicas Contemplativas chega á súa oitava edición, fiel á súa vocación de combinación dos patrimonios musical e artístico. Dezaseis concertos encherán de música a Semana Santa compostelá, entre o 11 e o 20 de abril, igrexas, salas de concerto e outros espazos singulares da cidade: Auditorio de Galicia, Hostal dos Reis Católicos, Paraninfo da Universidade, igrexas de San Paio de Antealtares, San Fiz de Solovio, Orde Terceira, Santa Clara, San Francisco, Universidade e San Domingos de Bonaval. “Tradición, diálogos e raíces” é o lema condutor dun amplo programa cheo de música espiritual, sacra e de raíz… Música, tradición, arte e cultura únense nunha proposta que aposta pola diversidade cultural, poñendo en valor outras culturas ao lado da nosa e que foi presentado esta mañá polo alcalde compostelán, Ángel Currás; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Xapón, Afganistán e a India son algúns dos países representados no festival coa participación de agrupacións e artistas como Pandit Ronu Majumdar e Tapan Bhattacharya (que nos achegarán O son do Benarés), Khaled Arman e o Ensemble Kabul (Poesía sagrada na música de Kabul), Haruna Takebe (obras para piano de autores xaponeses contemporáneos) ou Rodrigo Rodríguez (recital de shakuhachi, unha frauta de bambú xaponesa, con obras da tradición dos monxes budistas Zen). Outras das propostas inclúen a música tradicional de Sicilia, da man da recoñecida investigadora e intérprete siciliana Matilde Politi, e cantos misionais de territorios americanos e asiáticos situados arredor do Océano Pacífico interpretados pola soprano colombiana Lina Marcela López e o arpista compostelán Manuel Vilas.

A achega de música antiga e barroca enriquécese coa presenza do conxunto especializado francés Les Plaisirs du Parnasse, que dirixe o violinista David Plantier e que na Capela do Hostal dos Reis Católicos interpretarán as fermosas Sonatas do Rosario de Heinrich Ignaz Franz von Biber; ou coa primeira colaboración de dúas agrupacións musicais da cidade como a Escolanía da Catedral “Ángeles de Compostela” e o conxunto de música antiga Resonet para interpretar o célebre Stabat Mater de Pergolesi. O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá a actuación do dúo de jazz especializado en improvisación libre formado por Alejandro Vargas e L.A.R. Legido e outras singulares propostas inclúen a dobre presenza da clavecinista e organista checa Lucie Záková: cun concerto no que descubriremos as novas sonoridades dun instrumento barroco como o clave que, durante o século XX e o arranque deste século XXI, segue a inspirar a creatividade de importantes figuras da composición (capela da Orde Terceira) e cun recital de órgano
a catro mans no fermoso instrumento histórico da Igrexa da Universidade, compartido co organista español Carlos Arturo Guerra, con obras estilisticamente moi variadas que van dende os mestres do Barroco ata os nosos días.

Protagonista destacado da programación é a nosa orquestra, a Real Filharmonía de Galicia que será a encargada de inaugurar o festival no Auditorio de Galicia o venres 11 de abril interpretando, baixo a dirección do belga Paul Dombrecht, As sete últimas palabras de Cristo na Cruz do mestre do Clasicismo Joseph Haydn. A orquestra compostelá ofrecerá ademais, conducida polo seu director asociado Maximino Zumalave, un segundo concerto na igrexa conventual de San Paio de Antealtares dedicado ás cantatas do gran mestre deste xénero musical sacro, Johann Sebastian Bach, co protagonismo do barítono xermano-británico Stephan Loges. Cómpre salientar tamén a presenza no programa doutras dúas institucións musicais compostelás: a Banda Municipal de Música que, na Igrexa de San Francisco, interpretará un programa sacro de obras e adaptacións instrumentais para orquestra de ventos que ten como centro a estrea da versión para esta agrupación dun himno a San Francisco de Asís, de cuxa peregrinación a Santiago se conmemora o o
itavo centenario, e do Coro de Cámara do Orfeón Terra Nosa cun concerto no Convento de Santa Clara dedicado a misas e motetes de mestres de capela da Catedral de Santiago. O peche do festival, no Auditorio de Galicia, corresponde a tres agrupacións vencelladas ao proxecto didáctico e formativo da Orquestra Sinfónica de Galicia (Orquestra Nova, Orquestra de Nenos e Nenos Cantores) que, baixo a dirección do mestre norteamericano James Ross, interpretarán a décima sinfonía do ruso Dmitri Shostakovich e estrearán unha obra do compositor compostelán Fernando Buide.

Información de entradas

As entradas serán gratuítas (a excepción dunha serie de concertos), previa recollida de invitacións que poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal desde mañá mércores 26 de marzo ata o 10 de abril en horario de martes a sábado e de 18.00 a 21.00h. A partir do 11 de abril o horario será todos os días de 17.00 a 21.00h. Ademais, os convites tamén se poderán recoller unha hora antes do inicio de cada concerto no lugar de celebración do mesmo. Esta invitación será válida ata 10 minutos antes do inicio do concerto (a organización resérvase o dereito de utilizar as localidades non ocupadas polo público 10 minutos antes da hora de inicio do concerto)

Hai dous concertos de pago: os do Auditorio de Galicia do venres 11 abril (12 euros, entradas/novagaliciabanco.es, 902434443) e do domingo 20 abril (3 euros / abonados-as Auditorio de Galicia, gratis). Para ambos poderá mercarse a entrada tamén no despacho de billetes do propio Auditorio o día do concerto, a partir das 18.00 h. E o concerto da Banda Municipal de Música (Igrexa San Francisco, sábado 12 abril) terá entrada libre ata completar o aforo

Colaboración entre entidades

O Festival está organizado polo Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia coa colaboración do Banco Echevarría e o Centro Checo. Ademáis conta co apoio do Centro Galego de Arte Contemporánea; o Museo do Pobo Galego; a Universidade de Santiago de Compostela; Paradores e o Arzobispado de Santiago.