Unha comitiva de sete carrozas, un tren de fantasía con animación musical e Bob Esponja e os seus amigos acompañarán na tarde do mércores-5 aos Reis Magos na súa Cabalgata polas rúas de Santiago

CabalgataParticiparán máis de 200 figurantes e repartiránse 3.000 quilos de caramelos sen glute

A cabalgata sairá ás 18:00 horas da Estación de Ferrocarril para chegar á praza do Obradoiro aproximadamente ás 19:00 horas, onde se estima que máis de 2.000 rapaces serán recibidos polas súas Maxestades os Reis Magos de Oriente


O concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa  a Cabalgata de Reis, que se celebrará, como é habitual, durante a tarde do mércores-5 de xaneiro.
Como acto previo á chegada das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, mañá martes, 4 de xaneiro, o Carteiro Real, acompañado pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago, agardará a todos os nenos e nenas na carpa da praza Roxa para escoitar as súas peticións e transmitirllas aos Reis Magos. Esta recepción será entre as 18:30 e as 20:30 horas.

O mércores-5 é o gran día para os máis pequenos. A Cabalgata de Reis, que cumpre a súa 43 edición, estará composta por 7 carrozas nas que participará unha comitiva de 200 figurantes, escoltados por 3 escadróns de heraldos a cabalo e outros 4 escadróns de heraldos a pé. O Tren Real ten prevista a súa chegada ás 17:40 horas á Estación de Ferrocarril, de onde sairá ás 18:00 horas cara a zona vella.

A Cabalgata percorrerá desde a estación as seguintes rúas da cidade: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez e Praza de Praterías ata chegar ao Obradoiro onde terá lugar un espectáculo de luz e son con fogos de artificio. Todo o percorrido contará coa animación da Banda de Cornetas e Tambores de Santiago e a banda portuguesa de Régua.

Encabezará a comitiva a carroza da Estrela cos Anxeliños, os Príncipes a pé, as carrozas dos tres Reis Magos, a carroza do Carteiro Real, carroza de agasallos e un tren de fantasía con música e animación e mascotas.

Bob Esponja no Obradoiro


Ás 19:00 horas os Reis Magos serán recibidos polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a Corporación Municipal na praza do Obradoiro, e a continuación o Rei Melchor daralles a benvida a todos os pequenos presentes na praza. Acto seguido os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas que o desexen e ás 19:30 horas comezará un espectáculo  de Bob Esponja e os seus amigos na mesma praza do Obradoiro. “Estimamos que os Reis Magos recibirán a máis de 2.000 nenos no Pazo de Raxoi” –apuntou Baqueiro. Durante todo o percorrido repartiranse 3.000 kilos de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

A cabalgata contou cun orzamento de 89.398 euros, dos que 61.398 euros destinaranse a animación, figurantes  e realización da cabalgata, e 28.000 en aluguer das carrozas.


COMITIVA DA CABALGATA 2011:

-    Banda de cornetas e tambores de Santiago
-    Carroza ESTRELA REAL
-    Príncipe e Princesa a pé
-    Carroza de MELCHOR
-    Escuadrón a cabalo e grupo de heraldos a pé
-    Carroza de GASPAR
-    Escuadrón a cabalo e grupo de heraldos a pé
-    Carroza de BALTASAR
-    3 escuadróns de heraldos a pé
-    Banda de cornetas e tambores de Régua (Portugal)
-    Carroza do CARTEIRO REAL
-    Tren de mascotas
-    Furgonetas con caramelos