Os auditores interesados poderán consultar o prego administrativo e técnico na web da entidade e presentar a súa solicitude ata o 4 de outubro
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago convoca unha oferta pública de contratación do servizo de auditoría externa para controlador de primeiro nivel do proxecto Lidera.
O traballo a realizar polo auditor consistirá na realización das tarefas de auditor controlador de primeiro nivel, como responsable do control dos gastos realizados no marco do proxecto Lidera polo beneficiario, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela. Os interesados poderán presentar a súa oferta ata o 4 de outubro na sede da entidade, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, e consultar o prego de cláusulas administrativas e técnicas do servizo no perfil do contratante na web da Cámara: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=4A0E0&p=11#.W6DqfOgzbmZ.
O proxecto Lidera foi aprobado na primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal, e está liderado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Ten por obxecto promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través da posta en valor das capacidades laborais e de emprendemento da mocidade do territorio.
Os obxectivos específicos do proxecto son facilitar a adaptación e colocación de 500 mozos e mozas que non estean no mercado de traballo ou estean parados, a través da realización de actividades destinadas a mellorar a busca activa de emprego, ao empoderamento xuvenil, de mellora da súa empregabilidade e á posta en valor das súas inquietudes persoais. Ademais, axudará a xerar máis oportunidades de emprego e formación coa creación dunha rede de apoio á empregabilidade da poboación xuvenil que permita a inserción laboral por conta allea de 200 mozos e mozas do territorio. Tamén se crearán equipos de mozos e mozas cunha alta implicación na busca activa de emprego coa posta en marcha dunha idea de negocio, que dea como resultado a creación de 100 novas iniciativas empresariais no territorio.