Investigadores de diferentes países reuniranse a vindeira semana en Santiago para abordar a importancia dos textos científicos da Idade Media

Son manuscritos moi pouco estudados debido á súa complexidade pero cunha gran relevancia histórica e lingüística 

O encontro desenvolverase na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago dende o martes 25 ata o xoves 27

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares promove o Congreso Internacional “Ciencias da saúde animal e humana na Idade Media europea”. É unha iniciativa que se realiza en colaboración coa Universidade de Santiago e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Vaise celebrar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago dende o martes día 25 ata o xoves 27 de setembro.

Neste evento van participar expertos de universidades e organismos de investigación de Francia, Italia, Suíza, Bélxica e Portugal; xunto a outros procedentes de diversos centros de Galicia e doutros puntos de España. Son especialistas de referencia no estudo de textos científicos medievais, un tipo de obras moi pouco estudadas, debido á súa complexidade técnica, pero que proliferaron moito na Idade Media.

Trátase de manuscritos médicos, veterinarios, farmacolóxicos e botánicos que recollen o emprego de plantas medicinais, minerais, pedras e certas partes de animais para curar tanto a persoas como a animais, ademais de instrumentos e procedementos cirúrxicos da época. Estas obras adoitan estar escritas en latín e logo traducíanse a outras linguas porque eran moi últiles nese período. Na actualidade o seu estudo resulta de especial interese para investigadores de Filoloxía, Historia, Medicina, Veterinaria, Farmacia e disciplinas afíns.

Un dos impulsores desta iniciativa é Gerardo Pérez Barcala, investigador de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago. Explica que “ete congreso pretende reivindicar a importancia deste tipo de textos, con frecuencia marxinados ou esquecidos nos estudos sobre a Idade Media, fronte ao que acontece cos textos literarios”. E sinala que “a atención deste encontro vaise centrar de maneira particular nos manuais dedicados a preservar a saúde dos animais que foron signo de identidade da nobreza medieval, como é o caso do cabalo e as aves de caza”.