Ao longo da semana celebraranse un total de catro actuacións en Conxo, na Praza Roxa, en Fontiñas e na Praza de Abastos
Con esta iniciativa búscase achegar a orquestra e a música clásica a todos os públicos
A Real Filharmonía de Galicia ten entre as súas prioridades achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia. Nesta liña, a RFG inicia este mércores un ciclo de concertos gratuítos ao aire libre en barrios emblemáticos da cidade, baixo a batuta do xove mestre polaco Jan Wierzba.
Ao longo da semana celebraranse un total de catro actuacións, que terán lugar o mércores 12 na Praza Aurelio Aguirre de Conxo; o xoves 13 na Praza Roxa; o venres 14 en Fontiñas, na Praza de Europa (Área Central); e o sábado 15 na Praza de Abastos. Cada unha destas citas musicais comezará ás 19:00 horas, agás o concerto do sábado na Praza de Abastos, que terá lugar ás 13:00 horas.
Obras moi populares para todos os públicos, dende “As vodas de Fígaro” de Mozart ao “Soño dunha noite de verán” de Mendelssohn
A Real Filharmonía de Galicia achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa abertura de As vodas de Fígaro de Mozart (1756-1791), unha das pezas máis destacadas do repertorio operístico, na que se pon de manifesto os privilexios da nobreza en confrontación cos do pobo. De seguido a orquestra tocará a Serenata en mi menor de Edward Elgar (1857-1934), unha das obras favoritas do compositor británico, que lla dedicou á súa esposa con motivo do seu aniversario de voda.
Os asistentes tamén poderán escoitar as Danzas romanesas de Béla Bartók (1881-1945), moi interesado pola música tradicional dos países europeos, recompilándoa e rendéndolle homenaxe nas súas composicións. Nesta obra cada movemento representa un baile diferente orixinario de Romanía.
Os concertos rematarán con varios fragmentos de O soño dunha noite de verán de Felix Mendelssohn (1809-1847), que se inspirou na obra de teatro homónima de William Shakespeare. O compositor tivo acceso á obra do dramaturgo inglés aos 17 anos e a esa idade compuxo unha Abertura baseada na mesma, logrando un resultado prodixioso. A peza non quedou completada ata 18 anos máis tarde.
A batuta de Jan Wierzba