O centro realizará probas este mes para cubrir estas prazas do Curso de Especialización Orquestral
Os estudantes admitidos neste curso de posgrao fan prácticas coa Real Filharmonía de Galicia
O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.
No mes de xuño realizáronse as probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2018-2019 nas diferentes especialidades: violín, viola, violoncello, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Quedaron vacantes catro prazas de violín e unha de contrabaixo. Así, o día 18 deste mes realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir as especialidades que quedaron desertas. Terán lugar na sede da Escola e consistirán nunha audición na que os candidatos deberán amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.
As solicitudes para inscribirse nas probas deberán presentarse ata o 11 de setembro a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán xuntar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas.
A finalidade do curso é a integración nunha orquestra profesional
Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son integrantes da RFG. E cada alumno participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.
Tal como salientan dende a Escola, o éxito de curso, que xa vai pola súa sétima edición, reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.