Contará coa participación de 35 rapaces de 5 a 14 anos, máis da metade nenas
Visitarán o Acquaform do balneario o vindeiro 2 de agosto entre as 10:00 e as 12:00 horas
Cuntis acolle a cuarta edición do Campus Multideporte Termas de Cuntis, un evento deportivo organizado polo Concello de Cuntis e patrocinado polo balneario Termas de Cuntis que se celebrará do 30 de xullo ao 10 de agosto, en horario de mañá de 9:30 a 13:00 horas. Está prevista a participación de 35 rapaces de entre 5 e 14 anos, onde máis da metade son rapazas incrementando considerablemente a súa inscrición con respecto á pasada edición. A apertura celebrarase o luns 30 no campo de fútbol As Canteiras.
O coordinador do campamento urbano, Diego Vázquez, explica que a maioría dos rapaces e rapazas son de Cuntis e de concellos limítrofes, aínda que hai varios participantes orixinarios de Madrid ou do País Vasco e que veranean na localidade. A inscrición permanecerá aberta ata este venres, 27 de xullo (os interesados deben chamar ao 606 018 907).
O xoves 2 de agosto, os rapaces visitarán o balneario Termas de Cuntis para pasar a mañá nas piscinas do seu Acquaform, de 10:00 a 12:00 horas. Ademais, os máis pequenos poderán aprender novas disciplinas deportivas, como o taekwondo, da man da profesional Lúa Piñeiro, ou capoeira, e tamén visitarán un parque multiaventura en Redondela.