O seu estilo pictórico garda unha estreita relación coa fotografía e os lenzos lembran ao proceso de revelado analóxico
“O fío condutor é provocar sensacións e sentimentos no espectador”
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) inaugurará hoxe luns, día 25, a exposición “(Ir)realidades (re)veladas” da pintora Carmen Torres. O acto será ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa asistencia da propia artista e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 20 de xullo.A mostra está composta por vinte óleos sobre lenzo e oito acuarelas, moitas das obras abstractas e outros tantas de temática figurativa. A mirada de Carmen Torres transcende o inmediato e penétrase no interior dos obxectos representados para sacar a relucir (revelar) a luz e os silencios que estes gardan no seu interior. As pinturas desta mostra desprenden sobre todo iso, luz e silencio.
O proceso creativo discorre nun dobre sentido: nunhas pinturas esa revelación prodúcese liberando a luz dos obxectos. Noutras, o proceso é á inversa, os obxectos e escenarios son envoltos (velados) por unha pátina diáfana, que permite ao ollo profano ver algo que está aí, pero que sen esa pátina resultaría invisible. Neste sentido as pinturas que compoñen esta mostra sitúanse nun espazo indeterminado, difuso e inquieto; ese que á vez une e separa os territorios do real e o imaxinario.
O estilo pictórico garda unha estreita relación coa fotografía. O que os lenzos mostran lembra ao proceso de revelado analóxico dunha fotografía. Neste caso, ademais, co misterio engadido de que o observador non alcanza a saber se se trata dunha imaxe en proceso de revelado ou, pola contra, trátase de formas e cores que nun proceso inverso involucionan, difuminan, funden e flúen cara ao branco infinito. Como contrapunto ao silencio dos vinte óleos, a mostra complétase e complementa cun epílogo formado por oito acuarelas dobres organizadas en Re menor (jomper mirador, 2018). “O fío condutor desta mostra é provocar sensacións e sentimentos no espectador” –sinala Torres–.
Carmen Torres (Santiago de Compostela, 1960) é unha artista que forma parte da Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC), con sede en Compostela. Baixo a tutela do artista Xurxo Martiño, Torres comezou a desenvolver a súa faceta artística para acabar expoñendo de forma individual e participando en numerosas mostras colectivas en Santiago e máis alá das nosas fronteiras en terras portuguesas.