A exposición, composta por oito prismas, recolle espazos de habitar, industriais, deportivos, civís, educativos e deseños de mobiliario do arquitecto
“Alejandro de la Sota 1913-1996”, promovida polo Colexio de Arquitectos de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes e con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota, inaugurarase ás 12:00 horas
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurará o luns, día 25, a exposición “Alejandro de la Sota 1913-1996” en Lugo, promovida polo Colexio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) con motivo dos actos de homenaxe ao arquitecto Alejandro de la Sota que se celebrarán durante 2018. O acto será ás 12:00 horas na praza de San Marcos, e contará coa asistencia do deputado provincial da Área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; representantes do Concello de Lugo; o presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, Raúl Veiga; e o resto da xunta directiva da delegación colexial.
Trátase dunha exposición na rúa, concibida para que os cidadáns a poidan visitar e percorrer de forma pausada, que viaxará ás sete cidades galegas, permanecendo quince días en cada unha, neste caso estará en Lugo ata o 8 de xullo. A mostra amosa as obras de Alejandro de la Sota Martínez e o seu pensamento arquitectónico, con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota.
A exposición, deseñada por Trespes Arquitectos, está composta por oito prismas de base cadrada –de 1,5 metros e 2 metros de altura–. Cada prisma acolle unha temática, e cada temática presenta dous proxectos. De forma diferenciada destaca o módulo no que se expoñen varias pezas de mobiliario deseñadas polo arquitecto e outro que está dedicado ao seu ideario cun ideograma con frases e anacos de memoria.
Prismas de “Alejandro de la Sota 1913-1996”
- Presentación e habitar co proxecto “Poboado Esquivel” en Alcalá del Río, Sevilla (1952).
- Espazos para habitar cos proxectos “Casa Guzmán” en Algete, Madrid (1972-1974, derrubada en 2016) e “Casa Domínguez” (1973-1978) na Caeira, Poio (Pontevedra).
- Espazos para a industria cos proxectos da central leiteira Clesa (1958-1961) e Tabsa (1956-1958) en Madrid.
- Espazos para o deporte cos proxectos do Pavillón Municipal de Pontevedra (1964-1967) e o ximnasio Maravillas (1960-1962) en Madrid.
- Ideario, vida, natureza, arquitectura popular, creación, innovación, habitar, tecnoloxía e arquitectura.
- Espazos civís cos proxectos do Goberno Civil de Tarragona (1957-1964) e o edificio de Correos e Telecomunicacións de León (1981-1984).
- Espazos para a docencia cos proxectos do Colexio Maior César Carlos (1963/1967-1971) na cidade universitaria de Madrid e o aulario da Universidade de Sevilla (1972-1973)
- Mobiliario
Sota mestre e Sota arquitecto
Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo. A súa forma de abordar o proxecto a través da idea, dunha argumentación conceptual e abstracta, da experimentación no uso dos materiais e dunha expresividade concisa e elocuente, ocupan un lugar central no discurso intelectual da arte e a arquitectura do século XX. Desde as súas propias realizacións, nas súas diferentes ocupacións como arquitecto, no Instituto de Colonización, funcionario na Dirección Xeral de Correos, e como docente na Escola de Arquitectura de Madrid, a influencia da súa obra e do seu pensamento foi inmensa, tanto na súa contorna xeracional como nas décadas posteriores, chegando ao momento actual, en que unha gran parte dos arquitectos españois considéranse os seus discípulos.
A fascinación que provoca a obra de Alejandro de la Sota non só reside na súa forma de elaborar unha arquitectura sincera, sen o menor exceso, sen o menor indicio de vaidade ou grandilocuencia. O realmente relevante é que mostrou a forma de facer da arquitectura unha forma de vivir, de entender o mundo, de gozar da cultura e o coñecemento, de observar e de aprender. No Sota mestre e no Sota arquitecto hai unha continuidade vital, unha coherencia de formulacións e unha honestidade indisociables.
Os edificios de Alejandro de la Sota son tan queridos para os arquitectos como quizais difíciles de entender para os alleos a esta disciplina. O pasado ano comunicouse a lamentable noticia do derrubo da casa Guzmán. A súa elegante sobriedade compositiva e a súa discreción inducen á procura e ao achado de formulacións brillantes que a miúdo pasan inadvertidas. A enérxica resolución na sección do ximnasio do Colegio Maravillas (Madrid, 1961) ou a contundente composición da fachada do Goberno Civil de Tarragona (1957) son dúas imaxes icónicas do estilo internacional que, como recoñece William Curtis, aliñaban á España da autarquía na vangarda arquitectónica europea.
Entre os anos 1956 e 1972, Alejandro de la Sota foi profesor de Elementos de Composición y Proyectos na ETSA de Madrid. Ditou numerosas conferencias nas escolas de arquitectura españolas e estranxeiras. Foi gañador de importantes concursos – Premio Nacional de Arquitectura polo edificio de aulas e seminarios da Universidad de Sevilla (1974), Medalla de Ouro ao Mérito de las Bellas Artes (1986), Medalla de Ouro de Arquitectura do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (1988), Premio PINAT (1988) ou a Medalla de Ouro de Arquitectura do Colegio de Arquitectos de Cataluña (1996) –e tamén xurado noutros tantos. E numerosos son, tamén, os seus escritos. A súa obra foi profusamente divulgada en revistas e libros nacionais e estranxeiros e protagonista dun gran número de exposicións, varias delas fóra do país. A transcendencia da súa obra está máis que acreditada e foi estudada por eminentes críticos internacionais como Leonardo Benévolo, Kenneth Frampton ou William Curtis.