O Consorcio de Santiago destinará 148.000 euros en axudas para a mellora dos locais comerciais da cidade histórica

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá sete concertos ao longo do verán e a vindeira semana presentarase a programación da nova temporada

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Na xuntanza aprobáronse as bases da convocatoria do Programa Localízate, destinado á rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica, para o que o organismo destinará 148.000 euros. Búscase mellorar a accesibilidade dos locais, a súa eficiencia enerxética, a súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior.

Estas subvencións enfócanse de maneira prioritaria á realización de obras que melloren a accesibilidade. Ademais, preténdese favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), a mellora da imaxe externa, obras de mellora do interior, acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.

Requisitos para acceder ás axudas

Poderán ser beneficiarios destas axudas os usuarios legais dos locais, tanto persoas físicas como xurídicas, que actúen como propietarios, arrendatarios ou que ostenten algún dereito de uso sobre eles. En canto aos locais, deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á choiva; o edificio no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior aos 20 anos. Deberán estar nunha planta baixa, semisoto ou primeiro soto ou en plantas altas se están vencelladas co local da planta baixa. Ademais, terán que contar con fachada á vía pública.

Valorarase a apertura de novos locais actualmente sen uso e a repercusión da actividade da empresa no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 600 € e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

Programación de verán da Real Filharmonía de Galicia

No transcurso da reunión tamén se informou da actividade da Real Filharmonía de Galicia para este verán, cun total de sete concertos en xullo e agosto. O 4 de xullo celebrase no Auditorio de Galicia o concerto de clausura do VIII Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos. O día 7 a orquestra realizará a súa primeira saída internacional deste ano, nesta ocasión a Portugal, onde participará no Festival Internacional de Música de Espinho, co mestre Lars Vogt como director e pianista cun programa arredor da figura de Beethoven. O 19 de xullo a praza da Quintana acollerá un concerto da RFG co trío compostelán de jazz Sumrrá. O día 24 celebrarase o xa tradicional concerto institucional do Apóstolo, no Hostal dos Reis Católicos, conmemorativo do Día de Galicia; e o 28, no marco das festas do Apóstolo, a orquestra tocará de novo na praza da Quintana. En agosto a RFG participará no Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela”, con dous concertos no Auditorio de Galicia, os días 8 e 10.

A Real Filharmonía de Galicia presentará a súa nova temporada de concertos 2018-2019 a vindeira semana, o martes 26, na súa sede, o Auditorio de Galicia, da man do director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

Convocatoria extraordinaria de 4 prazas de violín e 1 de contrabaixo para a Escola de Altos Estudos Musicais  

Na Comisión Executiva aprobáronse as bases da convocatoria extraordinaria do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. As prazas que quedaron vacantes nas probas realizadas este mes ofertaranse nun novo proceso selectivo que terá lugar o vindeiro mes de setembro. Trátase de 4 prazas para a especialidade de violín e 1 para a de contrabaixo.

Apróbase o programa de exposicións do Consorcio para 2019

O Consorcio de Santiago está a traballar nun programa expositivo para o período 2019-2021, con vistas ao vindeiro ano Santo. Na xuntanza desta mañá aprobouse a proposta relativa ao ano 2019.