Estanse a crear rutas de trobadores, aplicacións móbiles e vídeos que amosarán como era a vida na Idade Media
Esta semana presentan os avances dos seus traballos en Lisboa
A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares participa nun macroproxecto de investigación centrado no patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). No marco deste macroproxecto, investigadores da Rede, en colaboración coa Universidade de Porto, están a desenvolver o Proxecto Lírica, que afonda na historia, na arte e na literatura medievais. O obxectivo é deseñar e elaborar diversos produtos de carácter divulgativo e de orientación turística, baseándose nas últimas tecnoloxías dixitais e favorecendo a participación activa dos usuarios na experiencia cultural que se lles ofrece.
A investigadora principal deste proxecto, Mariña Arbor, profesora de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago, vai presentar os avances do mesmo esta semana en Lisboa, xunto á investigadora Carmen de Santiago. Será no marco do “XII Colóquio da Secção Portuguesa da Associação Hispânica de Literatura Medieval”, no que se abodará “O medievalismo no século XXI”. As expertas galegas centraranse en como revisitar a Idade Media a través da poesía, a historia e a arte como experiencias turísticas.
Tal como explica Arbor, “posuímos unha riquísima literatura medieval asentada en áreas moi concretas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e da que existe un grande descoñecemento. Trátase, pois, de facilitar o acceso á cultura trobadoresca cun enfoque tecnolóxico e altamente innovador, coa colaboración de filólogos, historiadores, historiadores da arte, informáticos, programadores e expertos en cultura audiovisual”.
Rutas turístico-culturais da man de tres trobadores
O Programa Interreg, no que se enmarca o Proxecto Lírica, busca, entre outros obxectivos, dinamizar áreas particularmente deprimidas da Eurorrexión. Nesta liña, preténdese poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dun territorio senlleiro pola súa riqueza artística e literaria.
Os investigadores van elaborar dúas rutas turístico-culturais baseadas en tres trobadores, que posúen unha produción poética atractiva e susceptible de ser tratada para o seu desfrute por parte dun público xeneralista. Trátase de Fernan Paez de Tamalancos (ca. 1196-1242), natural do Tamalancos ourensán; Johan Soarez Somesso (ca. 1220-1250), ligado á zona pontevedresa de Crecente; e Pero Meogo (mediados século XIII), xograr vencellado a áreas do norte de Portugal.
A primeira ruta comprende parte das antigas terras da Castela ourensá, seguindo unha frecha que sae do Mosteiro de Oseira, no actual concello de San Cristovo de Cea, e que ten o seu punto de chegada no Mosteiro de San Clodio, no concello de Leiro. A segunda ruta parte de Ribadavia ata as vilas portuguesas de Fiães, Melgaço e Monção, pasando polos concellos pontevedreses da Cañiza e Crecente.
Para o trazado destes itinerarios procedeuse, preliminarmente, a un levantamento de todos os elementos de interese patrimonial civil e relixioso. Neste proceso acháronse determinados recursos non catalogados e apenas estudados ata a momento como é o caso de numerosas imaxes de músicos ou executores que poderían vincularse ao “espectáculo trobadoresco” e que se encontran esculpidas nos canzorros de diversas igrexas ou, nalgún caso, nos propios tímpanos de acceso a estas.
Estas rutas están pensadas nun dobre nivel: o primeiro comprende unha selección de puntos básicos, para visitantes que queiran completar a ruta nunha única xornada; o segundo abrangue unha selección de puntos complementaria, que está pensada para visitantes que opten por realizar o percorrido en dobre ou múltiples xornadas. Estas rutas estarán guiadas por apps preparadas para o seu uso en terreo con móbil, que desenvolverá un equipo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CiTIUS), liderado polo profesor Julián Flores. A música destas aplicacións é responsabilidade de expertos italianos.
Unha serie de vídeos amosarán aspectos da vida cotiá da Idade Media
Ademais das rutas turísticas, vaise desenvolver un vídeo lírico, que tomará como base a cantiga de Pero Meogo Levous’aa alva, levous’a velida, cantada polo musicólogo e experto en lírica medieval Antoni Rossell, da Universidade Autónoma de Barcelona. Por outro lado, crearanse unha serie de pezas audiovisuais de carácter informativo e pedagóxico, destinadas a ilustrar aspectos da vida cotiá, da sociedade, da política e da cultura e literatura medievais.
Á marxe destes produtos tecnolóxicos, prevese ademais a preparación doutros materiais como guías impresas, mostras fotográficas en puntos clave das zonas de actuación, álbums ou catálogos…
O Proxecto Lírica vaise integrar, con todos os seus produtos, nunha macroplataforma dixital, que neste momento está a deseñar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).