Os estudantes admitidos neste curso de posgrao fan prácticas coa Real Filharmonía de Galicia
O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.
A semana pasada realizáronse as probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2018-2019 nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Quedaron vacantes catro prazas de violín e unha de contrabaixo. Así, a mediados do vindeiro mes de setembro realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir as especialidades que quedaron desertas. Terán lugar na sede da Escola e consistirán nunha audición na que os candidatos deberán amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.
Alumnos procedentes de Galicia e de diferentes comunidades españolas, ademais de Polonia e Xapón
Os 13 alumnos xa admitidos para o vindeiro curso proceden de diferentes puntos de Galicia, do resto de España e mesmo do estranxeiro. Así, hai tres galegos (un óboe, un fafot e unha viola), unha violinista xaponesa e unha violinista polaca. O resto de xoves músicos chegan de diversas comunidades autónomas.
Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son integrantes da RFG. E cada alumno participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.
Tal como salientan dende a Escola, o éxito de curso, que xa vai pola súa sétima edición, reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.