Arquitectos analizaran o seu traballo en sectores como a publicidade, os videoxogos e a música no ciclo Triálogos de Arquitectura, hoxe na Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos

O estudio Silvosa París Arquitectura, os arquitectos Evelio Sánchez e Rafa Tenorio de SPA-cc e o arquitecto Ángel Canabal e o enxeñeiro de son Fernando Campos comentarán os seus “enredos” con outras disciplinas profesionais

A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará hoxe mércores, 13 de xuño, a segunda xornada da terceira edición do ciclo de conferencias “Triálogos de Arquitectura: Enredos”, ás 20:00 horas na Casa das Campás.

Nesta segunda xornada do ciclo de conferencias os tres arquitectos ou estudios participantes son Silvosa París Arquitectura –estudio de arquitectura da Coruña–; os arquitectos de SPA-cc Evelio E. Sánchez e Rafael Tenorio; e o arquitecto forcaricense Ángel Canabal e o enxeñeiro de son Fernando Campos que analizarán a figura de A Xana da Ponte, a primeira muller que fixo a concentración parcelaria en Forcarei, e a relación das palabras e as músicas coa arquitectura.

O estudio Silvosa París Arquitectura falará do seu traballo Orballo, e os pasos desde a etiqueta á arquitectura onde farán unha exposición do crecemento dentro dunha marca, desde o primeiro encargo e os sucesivos pasos ata definir unha experiencia de marca a todos os niveis. Nun segundo punto comentará o traballo ReforMás e a súa experiencia técnica no deseño de eventos.

Os arquitectos Evelio Sánchez e Rafa Tenorio de SPA-cc falarán das súas paixóns actuais nunha conferencia titulada “The pixels your dreams are made of”. Despois de dous anos, estes dous profesionais decidiron abrir vías de traballo alternativas a un panorama arquitectónico practicamente esgotado. E inclináronse pola tecnoloxía, os videoxogos, os cómics ou o cine. “Pensamos que a nosa experiencia na procura de novas vías de traballo, relacionadas pero moi alonxadas do traballo de arquitecto tradicional, pode servir para espertar ideas e animar a outros na procura de vías nas que a arquitectura aínda ten moito que dicir e nas que a condición de arquitecto supón un valor engadido fronte á competencia con outras orixes” –sinalan–.

Gravación do CD “Campesina y Señora”

Pola súa parte, o arquitecto Ángel Canabal, natural de Forcarei, e o enxeñeiro de son  Fernando Campos ofrecerán conxuntamente unha conferencia onde expoñerán “As palabras e as músicas tamén son arquitectura” e “As arquitecturas para a construción da campesiña e a señora”.

Ángel Canabal sinala que o oficio da arquitectura nace desde que o home transforma o medio, e considera que, se as formas arquitectónicas e os materiais utilizados para a súa construción se adaptan ao medio e cumpren as súas proporcións, forman unha simbiosie biorítmica e harmónica perfecta. “Se a esta creación do medio lle aportamos a forza da palabra e a apoiamos co son instrumental estaremos construíndo a arquitectura da palabra artisticamente orquestrada” –explica–.

Ademais, Campos apunta que se se ordena axeitadamente unha secuencia de notas musicais dentro dun pentagrama, ao que se dota dunha serie de compases segundo os sons que se queiran expresar ou percibir, e logo estas notas se orquestran e acompañan da forza da voz, estase a “crear ou construír”.

Conscientes desta especial circunstancia, explicarán na conferencia a súa experiencia dentro do campo musical nos procesos de composición e posterior gravación do CD titulado “Campesina y Señora”, onde se homenaxea a figura de A Xana da Ponte, inspirados no ritmo e a sobriedade desta muller na escritura para darlle forma musical. 

Ciclo trianual para visibilizar o traballo dos profesionais do norte da provincia

O ciclo Triálogos celébrase trianualmente –edicións nos anos 2012 e 2015– para visibilizar o traballo dos profesionais do norte da provincia en campos como a vivenda e a rehabilitación. Nesta ocasión, centrarase nos “Enredos”, nesas facetas alonxadas do rol clásico dos  arquitectos, e nas que moitas veces e sen saber como, se ven inmersos e involucrados os profesionais da arquitectura.

O ciclo deseñouse con tres charlas-coloquio nas que interveñen tres arquitectos ou estudios de arquitectura por xornada co obxecto de amosar á cidadanía os traballos dos colexiados e colexiadas en diferentes campos profesionais. As conferencias celebraranse os tres primeiros mércores do mes de xuño, en horario de  20:00 a 21:30 horas, e estarán abertas ao público en xeral.

Segundo manifestaron desde o Colexio, o ciclo é unha maneira de achegar á cidadanía o labor do profesional arquitecto, non só na súa faceta máis coñecida como proxectista, senón tamén noutras como a de técnico, urbanista ou paisaxista, “xerando unha confrontación de  opinións entre profesionais con diferentes modos de ver e entender a arquitectura e profesión”.

 

Estas conversas a tres bandas porán de relevo nun mesmo día a obra de tres arquitectos ou arquitectas, de xeracións diferentes, que falarán do seu traballo noutros campos e áreas nos que se ven gratamente atrapados e “enredados”. Analizarán incursións noutras disciplinas ou artes, moitas veces puntuais, ou froito de colaboracións, pero moitas outras serias apostas profesionais. “Os arquitectos ofrecerán unha visión da súa faceta profesional que vai máis alá da obra construída, e que amosará toda a diversidade de traballos e campos nos que, a día de hoxe, traballan e participan os e as arquitectas” –destaca a xunta directiva da delegación–.

 

 

 

A continuación detállese a seguinte xornada do ciclo:

 

19 de xuño, ás 20:00 horas:

  • Estévez e González Arquitectos
  • Cristina García Fontán
  • Mauro Lomba