Continúan os roteiros culturais teatralizados polo centro histórico de Santiago e o museo os venres de xuño
O Museo Casa de la Troya pode visitarse todos os venres e sábados en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os venres prolóngase ata as 22:00 horas. E os visitantes teñen a oportunidade de estar acompañados no seu percorrido das explicacións das guías do museo.
Tal como lembra Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, “as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas máximo”.
E, no marco das celebracións do 25º aniversario da apertura da Casa de la Troya como museo, o director fai un chamamento aos centros educativos da cidade e doutros puntos de Galicia para que se animen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que Alejandro Pérez Lugín inmortalizo na novela homónima. Os centros interesados en participar nesta experiencia poden poñerese en contacto co museo a través do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal.
Venres Troyanos
Ademais, o museo continúa coa actividade dos Venres Troyanos. “Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao museo, co fin de contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Amor-.
Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica, realizados en colaboración co Concello de Santiago, parten dende a praza do Toural. A duración aproximada do percorrido e da visita ao museo é de unha hora e media, dende as 20:30 ata as 22:00 horas. O número máximo de participantes por cada visita é de 15 e ten un custo de 1 € por persoa. A inscrición pódese facer chamando ao museo (981 585 159).