Un grupo de 35 familias participantes no taller de Nenoarquitectura da Fundación Luis Seoane visitan o sábado as exposicións de xogos arquitectónicos da bienal LUDANTIA

A actividade celebrarase de 11:00 a 14:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra

A I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a MocidadeLUDANTIA–, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Pontevedra, continúa coas súas exposicións sobre arquitectura no Pazo da Cultura de Pontevedra. O sábado, día 9, visitarán estas  mostras interactivas infantís 35 familias participantes no taller de Nenoarquitectura, organizado pola Fundación Luis Seoane, que pechará o seu curso 2017-2018 en Ludantia. Nenos de entre 4 e 12 anos poderán percorrer e xogar nas exposicións de 11:00 a 14:00 horas.Ludantia conta con catro exposicións simultáneas que estarán abertas ao público ata o 17 de xuño nas salas de exposicións do Pazo da Cultura: “LUDANTIA: Proxectos seleccionados”, “Colombia: País invitado”, “UIA Children-Golden Cubes” e  “Expo Activa”.

“LUDANTIA: Proxectos seleccionados”: A bienal reuniu 89 proxectos participantes procedentes de 19 países: Arxentina, Brasil, Bulgaria, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Francia, Guatemala, México, Perú, Portugal, República Checa, República Dominicana, Rumanía, Suecia e Venezuela. Esta exposición engloba unha selección dos proxectos educativos presentados, previamente seleccionados polo comité científico de Ludantia.

“Colombia: País invitado”: A bienal conta cunha sección destinada a Colombia, na que se mostran proxectos desenvoltos neste país invitado que relacionan  educación, arquitectura e infancia. Colombia descubre, coa atención á infancia, formas de establecer novos vínculos entre a arquitectura, o xogo e a pedagoxía. Está comisariada polo director artístico de Ludantia, Jorge Raedó, coa colaboración de Olga Lucía Olaya Parra, unha das mellores especialistas en educación de arte para a infancia e mocidade de Colombia; e deseñada polo Museo de Arquitectura Leopoldo Rother, (Memet Charum, director; e Ricardo Navas, deseñador gráfico).

​Nestas experiencias reflíctense oportunidades onde nenos e nenas gozan de innovacións pedagóxicas, materiais e didácticas que modifican as preguntas relacionadas polo espazo, cor, interacción co lugar, memoria e cultura. A arquitectura vólvese suxeito protagónico na construción de ambientes de aprendizaxe que comprenden os procesos de configuración do xogo como oportunidade para potenciar pensamento estético, artístico e identitario nos nenos.

Ludantia acolle a un país onde se pensa a infancia en clave de paz. Son os arquitectos, deseñadores, artistas, axentes de política pública os que apoian novos lugares nas cidades onde  se escoita a voz da infancia, como en hospitais, escolas e parques, e se entende o xogo como oportunidade para comprender o habitus da infancia en plenitude.​

“Golden Cubes”: Esta exposición reúne os proxectos premiados pola Unión Internacional de Arquitectos na súa sección de infancia. Ver vídeo do proxecto expositivo: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/uia-golden-cubes

“Expo-Activa”: Esta exposición interactiva está formada por dispositivos de xogo relacionados coa arquitectura. É un dos elementos esenciais de Ludantia e organízase grazas á colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A mostra, destinada principalmente a centros educativos de Primaria, converterase nun gran espazo de xogo a partir da arquitectura, fomentando a autonomía e o xogo en liberdade entre nenos e nenas.

A mostra foi deseñada por Carlos Arruti e Anabel, de Varona Maushaus Arquitectura. Foron colaboradores no contido das caixas Teresa Meana (TM arquitectura), Xosé Manuel Rosales (Proxectoterra), Fermín Blanco (Sistema Lupo), Sara San Gregorio (Microarquitectura), Víctor González Échave (Palitroques), María Mallo, Irene Fernández (Createctura), Fernando Arenas e Sara Moreno (Mimaia).

A exposición está destinada a colexios, familias con nen@s e amantes da vida en xeral, especialmente para pequenos e mozos de 3 a 16 anos. Poderase visitar e xogar na mostra no horario de apertura do Pazo da Cultura (luns-venres de 9:00–14:00 e de 16:00–20:00 horas; sábados de 12:00–14:00 e de 18:00–21:00 horas; e domingos de 12:00–14:00 horas).

A Expo-Activa é un gran dispositivo de xogos a partir da arquitectura e do tema da bienal: os espazos de relación xerados a través do xogo. As nenas e nenos xogando son a exposición en si, e o xogo constrúe este espazo, que propicia e incorpora múltiples variantes, xerando autonomía, liberdade e lugares de relación entre os seus xogadores. Para alcanzar este obxectivo, créanse diferentes zonas de xogo, dentro dunha mesma paisaxe, onde as accións se superpoñen e cohabitan.

Tendo en conta as categorías establecidas para a clasificación dos proxectos da bienal, cos seus espazos lúdicos e as súas accións, como se dun gran xoguete se tratase, a Expo-Activa trata de estimular a imaxinación dos visitantes, sen intentar dar un final ao xogo, senón múltiples continuacións. 

Habitar desde o lúdico 

Ludantia, que celebrou os seus encontros presenciais do 10 ao 12 de maio, naceu para visibilizar e potenciar os proxectos que abordan infancia, arquitectura e educación, concretamente para saber que queren nenas e nenos dos espazos públicos en distintas partes do mundo, para mostrar a capacidade transformadora da infancia, para entender a relación entre educación e participación, para facer que as cidades sexan mellores escenarios para os máis pequenos e para aprender metodoloxías e procesos.

O tema da bienal é “Habitar desde o lúdico: do patio escolar á cidade como taboeiro de xogo”, é dicir, o espazo público como construción de accións libres e o xogo como estratexia de adaptación ao medio. E nesta ocasión, Colombia foi o país invitado, ao ser un interesante exemplo de educación en arquitectura para a infancia e a mocidade en diversos escenarios sociais e culturais. Nesta primeira edición participaron aproximadamente 190 profesionais de 29 países diferentes de Europa, Asia e América. 

–WEB DE LUDANTIA: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional