As 69 empresas galegas participantes amosaron a súa plena satisfacción cos resultados
O programa axuda a mellorar a xestión e competitividade das empresas
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela asistiu esta semana ao acto de presentación das conclusións e peche do proxecto europeo “Pre-Solve” na Cámara de Comercio e Industria de Bruxelas. A técnico cameral Belén Mendoza asistiu á reunión coa emprendedora Mercedes García da empresa Indramejorla para presentar as conclusións do proxecto a nivel local.
Nesta sesión pública, á que asistiron representantes da Comisión Europea e máis de 80 personalidades do ámbito político e empresarial europeo, a Asociación Europea de Cámaras de Comercio e Industria (Eurochambres) anunciou que a Cámara de Comercio de Santiago debe considerarse como un “caso de éxito” deste proxecto de prevención de negocios errados, tanto polo número de empresas participantes –69 desde o inicio da convocatoria hai dous anos e medio–, e a satisfacción demostrada polas mesmas nas enquisas elaboradas tralo peche da convocatoria.
O proxecto Pre-Solve ten como principal obxecto ofrecer apoio a medida aos emprendedores e ás empresas poñendo ao seu dispor ferramentas de apoio para mellorar a súa xestión e competitividade. En concreto, búscase ofrecer aos empresarios acceso a unha análise da súa situación económico-financeira e empresarial. Ademais, ofrécese apoio a medida en distintos niveis: financeiro, legal, estratéxico, comercial, e psicolóxico. Tamén se traballa no desenvolvemento dun plan para unha segunda oportunidade empresarial. Este proxecto europeo está coordinado pola Eurochambres e executado por catorce Cámaras de Comercio de oito países europeos.