O especialista na figura de Cristóbal Colón asegura que o descubridor é oriúndo do Val do Dubra na comarca de Santiago de Compostela
O acto será ás 20:00 horas na sede colexial
A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia acolle mañá mércores, 6 de xuño, a presentación do libro “Cristóbal Colón y el periplo de Hannón” (Editorial Ir Indo) do arquitecto Marcos Castro Vilas. O acto celebrarase ás 20:00 horas na sede colexio (rúa Doctor Cadaval, 5).
“Cristóbal Colón y el periplo de Hannón” é un libro que fai fincapé, fundamentalmente, nas fontes que xeraron o proxecto colombino como principal estratexia para resolver o chamado enigma colombino. Cada un dos seus capítulos nace coa vocación de sorprender ao lector e poñer patas arriba o relato historiográfico oficial. “Se tivera que destacar algo do libro sinalaría as reconstrucións que elaborei da viaxe de Ulises, do periplo de Hannón, da viaxe de San Brandán ou da de Mandeville. O título do libro é bastante obvio, soamente hai que facer un pequeno esforzo para relacionar a Hannón coa cidade de Xénova, coñecida por todos como a cidade do deus Jano e cuxo patrón maior é casualmente Juan Bautista” –explicou o autor–.
Concretamente, Marcos Castro Vilas defende de maneira concluínte a teoría segundo a cal Cristóbal Colón era galego e orixinario do Val do Dubra na comarca de Santiago de Compostela, coa exposición adicional de multitude de argumentos que sustenten o relato. Á espera dos resultados finais das probas de ADN, que dirixe o doutor José Antonio Lorente e o historiador Marcial Castro da Universidad de Granada, o novo estudo profunda, de maneira definitiva e concluínte, na orixe galega de Cristóbal Colón.
Aínda que a orixe de Cristóbal Colón non é a cuestión máis importante no chamado enigma colombino, segundo o arquitecto Marcos Castro Vilas é a Terra Rubra, escrita de maneira corrupta e mencionada por Hernando Colón na biografía que redactou sobre o seu pai, a que fundamenta esta hipótese a partir do uso de palabras endémicas de Dubra nos escritos de Colón.
Marcos Castro Vilas explica que Colón descifrou o periplo de Hannón, o primeiro relato que describe o descubrimento das costas americanas. Detrás da suposta orixe “janovés” defendida polo propio Colón, agóchase toda una simboloxía oculta e esotérica de carácter masónico que ten a súa orixe no periplo de Hanno a América, que continuaría na simetría que emana o deus romano Jano e o crismón como representación do orbe, e remataría na figura cristiá simbólica de Juan Bautista, de aí o nome artístico de Cristóbal Colombus.
Marcos Castro Vilas (Vigo, 1976) é arquitecto, urbanista, especialista en vías romanas da Gallaecia, historiador, cosmógrafo, piramidólogo, especialista na figura de Cristóbal Colón e en linguas indíxenas americanas.