A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos inicia mañá o terceiro ciclo Triálogos de arquitectura: Enredos, coas conferencias de Paula Alfonso, Miguel Monteagudo e o equipo de BIMrras Podcast– ediliciaBIM

Os arquitectos analizarán as súas incursións profesionais noutras disciplinas ou artes, “máis alá da obra construída”

A inauguración será ás 20:00 horas na Casa das Campás 

A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura mañá mércores, 6 de xuño, a terceira edición do ciclo de conferencias “Triálogos de Arquitectura: Enredos”, ás 20:00 horas na Casa das Campás. Ao acto de inauguración de mañá asistirán o presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Manuel Abelleira, a tesoureira e delegada da Comisión de Cultura da delegación, María Pierres; e o secretario Anselmo Villanueva.

É un ciclo de tres charlas-coloquio nas que intervirán tres arquitectos ou estudios de arquitectura por xornada co obxecto de amosar á cidadanía os traballos dos colexiados e colexiadas en diferentes campos profesionais. As conferencias celebraranse os tres primeiros mércores do mes de xuño, en horario de  20:00 a 21:30 horas, e estarán abertas ao público en xeral.

Segundo manifestaron desde o Colexio, o ciclo é unha maneira de achegar á cidadanía o labor do profesional arquitecto, non só na súa faceta máis coñecida como proxectista, senón tamén noutras como a de técnico, urbanista ou paisaxista, “xerando unha confrontación de  opinións entre profesionais con diferentes modos de ver e entender a arquitectura e profesión”.

O ciclo Triálogos celébrase trianualmente –edicións nos anos 2012 e 2015– para visibilizar o traballo dos profesionais do norte da provincia no campo da vivenda e da rehabilitación. Nesta ocasión, centrarase nos “Enredos”, nesas facetas alonxadas do rol clásico dos  arquitectos, e nas que moitas veces e sen saber como, se ven inmersos e involucrados os profesionais da arquitectura. Nesta primeira xornada de conferencias os tres arquitectos participantes son  Paula Alfonso, Miguel Monteagudo e o equipo de BIMrras Podcast – ediliciaBIM composto por Rogelio Carballo, Juan Martínez-Almeida, Evelio E. Sánchez e Rafael Tenorio (o primeiro podcast colaborativo sobre BIM, onde catro arquitectos debaten sobre todo o relacionado co mundo do Building Information Modeling).

Estas conversas a tres bandas porán de relevo nun mesmo día a obra de tres arquitectos ou arquitectas, de xeracións diferentes, que falarán do seu traballo noutros campos e áreas nos que se ven gratamente atrapados e “enredados”. Analizarán incursións noutras disciplinas ou artes, moitas veces puntuais, ou froito de colaboracións, pero moitas outras serias apostas profesionais. “Os arquitectos ofrecerán unha visión da súa faceta profesional que vai máis alá da obra construída, e que amosará toda a diversidade de traballos e campos nos que, a día de hoxe, traballan e participan os e as arquitectas” –destaca a xunta directiva da delegación–.

A continuación detállese o programa do ciclo de conferencias:

6 de xuño, ás 20:00 horas

  • Paula Alfonso Arquitectura
  • Miguel Monteagudo Pazo
  • Equipo BIMrras Podcast- ediliciaBIM (Rogelio Carballo, Juan Martínez-Almeida, Evelio E. Sánchez, Rafael Tenorio)

13 de xuño, ás 20:00 horas

  • Silvosa París Arquitectura
  • SPA-cc (Evelio E. Sánchez e Rafael Tenorio)
  • Ángel Canabal e Fernando Campos

20 de xuño, ás 20:00 horas

  • Estévez e González Arquitectos
  • Cristina García Fontán
  • Mauro Lomba