A actuación, que é gratuíta ata completar aforo, comezará ás 20:30 horas
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.
No marco deste programa, mañá martes, 5 de xuño, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia, acompañados pola pianista Simona Velikova. En primeiro lugar actuará a violinista Magdalena Gacek, que interpretará parte da Sonata nº 1 de Bach, xunto a un fragmento do Concerto para violín nº 2 do compositor ruso Serguéi Prokófiev.
A continuación, o contrabaixista Miguel Ángel Luzárraga tocará a Sonata para viola da gamba de Bach, a Fantasía sobre “A Somnámbuila” de Bellini do compositor Giovanni Bottesini e, finalmente, interpretará parte do Divertimento concertante para contrabaixo e piano de Nino Rota.
E a cita concluirá coa intervención do violinista Héctor Robles, que achegará ao público un fragmento do Concerto para violín nº 4 de Mozart e tamén parte do Concerto para violín de Beethoven.
Este ciclo de concertos continuará este mércores con novas actuacións no Paraninfo da USC, protagonizadas por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.